
A CIG-Ensino entrevistouse hoxe venres 6 de marzo co Conselleiro de Educación.
Primeira toma de contacto co novo responsábel da política educativa da Xunta.
Na reunión participaron en representación da CIG-Ensino Anxo Louzao, secretario nacional e outros tres membros da exexcutiva nacional, Marta Dacosta, Suso Bermello e Xosé Lois Rivera. Por parte da Consellaría acompañaron ao conselleiro o secretario xeral técnico, Jesús Oitavén, e os directores xerais de Centros e Recursos Humanos e de Educacion e Formación Profesional.
A CIG-Ensino trasladoulle unha serie de propostas que contan co aval da maioría do profesorado, tal e como se pode concluír dos resultados das eleccións sindicais de decembro ou do apoio á ILP que se debaterá proximamente no Parlamento Galego.
A CIG-Ensino reclamou do novo Conselleiro que tome en consideración estas propostas, dando un cambio de rumbo radical á política educativa e á actitude institucional imposta polo anterior conselleiro e que se caracterizou polo autoritarismo e a desconsideración co profesorado e cos seus representantes.
A CIG-Ensino trasladoulle a Román González a situación actual do profesorado galego, un profesorado que durante estes últimos anos sufriu reducións salariais, recortes dos dereitos laborais, ampliación do horario lectivo e foi albo de múltiples ataques e desconsideración por parte da Consellaría. A CIG-Ensino amosou a súa crítica á destrución de emprego, unha constante que supuxo a supresión de 3.000 postos docentes, ou que o ensino viu recortado os seus orzamentos nun 36% nos últimos seis anos, liquidándose a gratuidade dos libros de texto, reducíndose os cadros de persoal nos centros e non atendendo as necesidades específicas de apoio educativo nin as demandas de profesorado feitas polos centros educativos. Todo isto, mentres se continuou subvencionando os centros que segregan o alumnado por razón de xénero e ampliando os concertos educativos. Neste aspecto concreto, a CIG-Ensino adiantoulle ao Conselleiro que vai solicitar a execución da sentenza para a recuperación dos 12 millóns de euros indebidamente asignados aos centros que segregan por sexo.
A CIG-Ensino tamén manifestou o que supuxo a imposición do Decreto de plurilingüismo, que perseguía e conseguiu reducir a presenza do noso idioma no ensino ademais do seu desprestixio. Desde a CIG-Ensino lembróuselle ao conselleiro que hoxe son unha excepción as aulas en galego na educación infantil e o profesorado ten prohibido impartir as clases en galego nas materias científico-técnicas, mais si as pode impartir en inglés, o que reflicte que o noso idioma está hoxendía na UVI. A CIG-Ensino demandou que o portugués sexa ofertado como 2ª lingua estranxeira en todos os centros docentes do país, non poñendo ningún tipo de limitación para a súa oferta.
A cruzada emprendida pola Consellaría contra a lingua galega levou tamén a despedir ilegalmente o profesorado preparador dos cursos CELGA. A este respecto a CIG-Ensino esixiu a readmisión de todo o profesorado despedido para que poderen impartir xa os cursos que se desenvolverán neste ano. A Consellaría limitouse a afirmar que convocarían os cursos CELGA sen adquirir ningún compromiso sobre o futuro deste profesorado.
En canto á LOMCE, a CIG-Ensino puxo en evidencia que a súa aplicación está sendo un cúmulo de despropósitos e vai supor un retroceso na calidade, galeguización e democratización do ensino. Ante o desbaraxuste que está supoñendo a súa aplicación a CIG-Ensino demandou a paralización da entrada en vigor da LOMCE.
Ao respecto do concurso xeral de traslados a CIG-Ensino criticou a desafortunada xestión que a Consellaría desevolveu neste tema e demandou unha solución inmediata ao conflito. A Consellaría limitouse a comunicar que executará a sentenza mais non despexou ningunha dúbida sobre como nin cando efectivizará esa execución.
Entre as demandas que lle foron trasladadas ao novo conselleiro, a CIG-Ensino incidiu a recuperación dos numerosos dereitos perdidos polo profesorado galego, facendo especial fincapé nos recortes retributivos, na necesidade de aumentar os cadros de persoal, na recuperación dos horarios lectivos anteriores aos recortes aplicados polo goberno Feijóo, a anulación da obriga de custodiar ao alumnado de transporte escolar e a derrogación da norma que desconta salarios aos empregados públicos que están de baixa.
Igualmente a CIG-Ensino lembrou a necesidade de buscar unha solución ás ensinanzas artísticas superiores, para a súa adscrición á universidade; a recuperación da gratuidade dos libros de texto, a derrogación das normas que limitan a xestión democrática dos centros docentes ou a negociación dun Estatuto Docente do Profesorado Galego e unha Lei do Sistema Educativo Galego.
Como conclusion a CIG-Ensino observou unha clara intención de facer unha política continuísta coa liña fixada polo anterior conselleiro, contemplando escasas, cando non nulas, posibilidades de achegar posturas que permitan unha viraxe importante na pésima experiencia destes últimos anos. Pouco cabe agardar, logo desta entrevista, que o conselleiro escoite as demandas do profesorado e do resto da comunidade educativa, mudando as políticas do seu departamento, que lle deron até o momento as costas ao ensino público e aos seus traballadores e traballadoras.