A CIG-Ensino entregoulle á conselleira as principais demandas do profesorado galego co aval da campaña de recollida de 12.000 sinaturas

O sindicato acudiu á reunión convocada pola nova titular de Educación agardando poder coñecer propostas para esta nova etapa da Consellaría mais o encontro non supuxo ningunha novidade sobre a actual liña de actuación do goberno.

A central aproveitou a rolda de presentación que está a facer a nova titular de Educación da Xunta, Carmen Pomar, para trasladarlle o resultado da campaña #ProfesoradoConDereitos após non recibir ningunha resposta por parte do anterior conselleiro. A recuperación da xornada lectiva de 18 horas en Secundaria e de 21 en Primaria e a redución das ratios centran unhas reivindicacións que, a teor do contido da reunión, non parece que estean na axenda inmediata da Consellaría.

Cambio de persoa pero ningunha mudanza nas políticas. Ese podería ser o resumo da reunión que mantivo onte á tarde unha delegación da CIG-Ensino, encabezada polo secretario nacional Suso Bermello, coa nova conselleira Carme Pomar. Malia que a intención coa que acudiu o sindicato á reunión era a de escoitar as propostas que en materia de ensino ten que ofrecer a nova titular do departamento de Educación -e máis concretamente sobre aquelas cuestións incluídas no “Decreto dos recortes” que o Ministerio de Educación e Formación Profesional pretende derrogar e que son competencia da Xunta, como a redución da xornada lectiva e das ratios de alumnado por aula-, o feito é que no encontro non se adiantou ningún cambio na política educativa para Galiza nos próximos meses. 

Desde a CIG-Ensino lamentamos esa falta de concreción á hora de atender as demandas do colectivo docente por parte da administración, que son de sobra coñecidas polo equipo que ocupa a Consellaría de Educación e que non mudou, e aproveitou a reunión para lembrarlle as máis urxentes á nova conselleira. En concreto citou o decálogo de medidas prioritarias que formou parte da campaña de recollida de sinaturas #ProfesoradoConDereitos levada a cabo o este mesmo ano nos 1.200 centros de ensino do país e que, como non podía ser doutro xeito, van recollidas dentro do programa electoral co que a CIG-Ensino se presenta ás vindeiras eleccións sindicais do 4 de decembro no ensino público non universitario. Programa electoral do que a conselleira tamén recibiu copia en man e que animamos a que  teña presente á hora de tomar decisións e sobre todo de negociar na Mesa Sectorial, órgano de representación do profesorado que a Consellaría intenta baleirar de contido, e no que a CIG-Ensino defende ferreamente os intereses do profesorado. 

Neste sentido, desde a CIG-Ensino emprazamos á conselleira a conxugar o verbo negociar máis do que o fixeron os seus antecesores no cargo e a non querer impoñer ou manipular a vontade representativa do persoal docente. Neste sentido lembramos a pantomima na que se converteu a negociación retributiva na Mesa Sectorial que levou a un acordo asinado pola porta de atrás no mes de xullo con dúas organizacións sindicais minoritarias e que hipoteca, tal cal está, calquera mellora salarial para o profesorado galego até 2021. Bermello animou a conselleira a abrir unhas negociacións “serias e reais” nas que estean enriba da mesa cuestións fundamentais para a mellora das condicións do traballo docente como a redución horaria ou das ratios, agora que xa non existe ningún impedimento legal para facelo tras a vontade expresada polo Ministerio de anular o Decreto 14/2012, e no apartado salarial que garanta a devolución de todos os recortes realizados e unha suba salarial “digna que compense o esforzo realizado polo persoal docente nos peores anos da crise e permita recuperar o poder adquisitivo perdido cando menos neste exercicio 2018”, indicou Bermello.

Sen noticias da OPE até xaneiro 

A CIG-Ensino trasladoulle á titular da Consellaría a queixa por ter filtrado a información das especialidades a convocar nas próximas oposicións sen o previo contraste e negociación na Mesa Sectorial e volveu incidir na necesidade de que se se faga un estudo previo sobre as xubilacións previstas para os próximos anos, así como do número de persoal interino á hora de tomar a decisión de que especialidades convocar e cantas prazas en cada unha. A única información proporcionada pola conselleira é de que a OPE pasaría pola Mesa Sectorial no mes de xaneiro. 

Principais demandas do profesorado galego 

A continuación reproducimos o decálogo de medidas urxentes que conforman as principais demandas do profesorado galego como se puxo de manifesto na campaña de #ProfesoradoConDereitos e que entregamos á conselleira: 

  • Xornada laboral de 35 horas para todo o profesorado, coa recuperación da xornada lectiva máxima de 18 sesións en Secundaria, FP e Ensinanzas de Réxime Especial e 21 en Infantil, Primaria e Educación Especial, así como a xornada reducida de xuño a setembro.
  • Derrogación da LOMCE e dos seus aspectos máis lesivos: reválidas, ranking de centros, privatización... Xestión democrática dos centros con especial incidencia na elección dos cargos directivos e recuperación do poder de decisión nos órganos de goberno.
  • Redución de ratios nas diferentes etapas educativas, nomeadamente nas aulas masificadas nas grandes cidades, e regulamentación das afíns no camiño da súa eliminación.
  • Redución da carga burocrática nos centros educativos, permitindo que o profesorado adique o seu esforzo á práctica docente.
  • Ofertas amplas de emprego que vaian precedidas de estudos serios sobre o número de xubilacións e o número de profesorado interino de cada especialidade. Acceso diferenciado entre aspirantes libres e persoal interino. Acordo de estabilidade para o persoal deste último colectivo con moitos anos de servizo ou de avanzada idade. Eliminación das taxas de reposición e dos cupos e recuperación dos 3.000 efectivos perdidos nos últimos oito anos.
  • Limitación da temporalidade do profesorado en expectativa de destino a un máximo de dous anos após superar o proceso selectivo e transparencia na publicación e adxudicación das vacantes do Concurso de Traslados.
  • Plan especial de atención á diversidade: concesión de desdobres e reforzos, impulso da titoría, reforzo do profesorado de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe así como do departamento de Orientación.
  • Eliminación das limitacións para a impartición de clases en galego e fomento real da nosa lingua en todas as etapas formativas co obxectivo de que cando menos o 50% das materiais se impartan no noso idioma. Fomento da elaboración de materiais curriculares e dos plans de formación do profesorado na nosa lingua.
  • Negociación dun acordo retributivo para o profesorado galego que parta da recuperación de todo o roubado nos últimos oito anos, con especial incidencia nas pagas extras detraídas entre 2013-2016, e unha suba salarial que permita a recuperación do poder adquisitivo perdido. Incorporación dunha cláusula de revisión salarial que garanta unha suba igual ao IPC. Recuperación do dereito a cobrar os meses de verán para o persoal substituto que traballara cando menos 5 meses e medio nun curso académico.
  • Eliminación dos descontos por enfermar, percibindo o 100% desde o primeiro día de baixa, elaboración dun catálogo de enfermidades profesionais e revisión médica anual no Servizo Galego de Saúde.

Volver