A CIG-Ensino entrega no rexistro da Xunta preto de 4.500 sinaturas en apoio ao profesorado CELGA

“É inaceptábel que unha administración pública nin sequera garanta os mínimos dereitos laborais legalmente estabelecidos”, denuncia Anxo Louzao

A CIG-Ensino e profesorado CELGA fixeron entrega esta mañá, no rexistro da Xunta, dun total de 4.443 sinaturas en apoio ao profesorado que até o de agora viña impartindo estes cursos de galego. O secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, denunciou a situación “irregular, fraudulenta e ilegal” na que a consellaría e a secretaría xeral de Política Lingüística mantivo durante anos a este profesorado; exixiu o recoñecemento dos seus dereitos e reclamou a retirada da Orde pola que se pretende que sexa profesorado en activo quen imparta, en diante, estes cursos.

O profesorado CELGA pasou anos impartindo estes cursos de galego sen que desde a consellaría se estabelecera ningunha relación contractual con eles/elas. Por non ter, non tiña sequera alta na Seguridade Social. Ante esta precaria situación presentáronse denuncias diante das Inspeccións Laborais provinciais que resolveron que se trataba dunha fraude e mesmo impuxeron á consellaría unha sanción de máis de 200.000 euros.


Lonxe de legalizar a súa relación laboral con profesorado CELGA Educación optou, segundo denuncia o secretario nacional da CIG-Ensino, por responder de forma represiva despedindo a todo este profesorado e ofrecendo ao que está en activo os cursos para impartilos como horas extra.


Anxo Louzao asegura que esta situación “é inaceptábel” e aínda máis que unha administración pública “nin sequera garanta os mínimos dereitos laborais legalmente estabelecidos”.


Porén entende que “non é casual” que isto suceda. “Estamos ante unha consellaría  de Educación que se caracteriza pola persecución ao noso idioma. É un profesorado formado que amosou a súa solvencia para impartir estes cursos e a consellaría  non só despide a estes traballadores/as senón que está atacando á nosa lingua, seguramente coa perspectiva de que desapareza calquera tipo de alfabetización na sociedade galega no noso idioma”.


En conxunto hai máis de 400 profesores/as afectados/as por esta situación, aínda que non todos traballaban ao longo do ano. De feito Louzao especifica que tal era a súa precariedade laboral que tan só entre 120 e 150 impartían algún curso ao ano e o resto ningún.


Ante isto a CIG-Ensino exixe que se legalice a situación estabelecendo a relación contractual correspondente con este profesorado e a preceptiva alta na Seguridade Social.


Louzao lembra que, no seu día, a CIG-Ensino estaba disposta a negociar coa administración educativa o tipo de contrato. “O que é indiscutíbel é que teñen relación laboral, porque son traballadores por conta allea, así o dixo a Inspección Laboral e así o teñen que aceptar a consellaría de Educación e a secretaría xeral de Política Lingüística deixando de actuar de maneira represiva”.


A entrega de sinaturas que tivo lugar hoxe en apoio ao profesorado CELGA e en demanda de que, desde a consellaría de Educación e da secretaría xeral de Política Lingüística, se lles recoñezan os seus dereitos laborais vén precedida de innumerábeis mobilizacións.


A CIG-Ensino desenvolveu ademais unha campaña entre o profesorado en activo para que se negara –e así o fixo maioritariamente- a aceptar a proposta da consellaría de suplir ao profesorado CELGA impartindo os cursos como horas extra, e mesmo presentou unha queixa ante o Valedor do Pobo, por esta situación.


Con este panorama, o secretario nacional da CIG-Ensino entende que “se houbera un mínimo de dignidade, quen está á fronte da secretaría xeral de Política Lingüística tería que dimitir”.

  • A CIG-Ensino entrega no rexistro da Xunta preto de 4.500 sinaturas en apoio ao profesorado CELGA
  • A CIG-Ensino entrega no rexistro da Xunta preto de 4.500 sinaturas en apoio ao profesorado CELGA

Volver