A CIG-Ensino encara unhas novas eleccións co obxectivo de se manter como referente na defensa do profesorado e do ensino público galego

Un total de 744 docentes conforman a súa candidatura ás eleccións sindicais no ensino público non universitario do 4 de decembro ás que concorren co lema “Gañarmos o futuro”.

O sindicato ten na actualidade a representación do 46% do profesorado en Galiza, a moita distancia da segunda forza co 15%. Así mesmo, preside as catro xuntas de persoal e supera o 50% dos votos nas provincias da Coruña e Pontevedra, nas que se concentra case o 80% do profesorado galego.

A CIG-Ensino presentou esta mañá as candidaturas coas que se presenta ás eleccións sindicais do 4 de decembro no ensino público non universitario. Unha eleccións nas que terán dereito a voto 30.995 docentes e nas que se elixirán un total 142 delegados e delegadas. A cifra supón un lixeiro incremento ao respecto das últimas eleccións (2 delegados máis na provincia de Pontevedra) mais moi lonxe aínda das cifras de docentes coas que se encontrou Feijóo ao comezo dos seus mandatos. Así, o número de electores está por debaixo das cifras do ano 2010, cando tiveron dereito ao voto 32.380 profesoras e profesores. O reparto provincial leva á elección de 45 representantes na Coruña, 27 en Lugo e en Ourense e 43 en Pontevedra. 

Candidatura de persoas comprometidas que buscan ser un reflexo do profesorado galego

A candidatura da CIG-Ensino está integrada por un total de 744 docentes e conformada por profesorado de todos os niveis educativos das ensinanzas non universitarias e de diferentes situacións administrativas, desde docentes interinos ou que veñen de aprobar os procesos selectivos até funcionariado de carreira de curta ou longa experiencia profesional. As listas, que foron aprobadas polo Consello Federal da CIG-Ensino, máximo órgano de goberno do sindicato, ofrecen unha imaxe clara e fiel do profesorado galego, tanto no seu reparto por sexos como por zonas xeográficas, tipoloxía de centros e idades.

Un total de 446 mulleres (60%) e 298 homes (40%) conforman a candidatura, na que se poden atopar docentes que traballan en todos os tipos de centros que hai no país, desde unha unitaria ou un CRA até un CIFP ou un centro de ensinanzas de réxime especial. Son unhas candidaturas que buscan integrar o maior número posíbel de centros educativos fronte a un sistema de elección inxusto e discriminatorio que fixa como unidade electoral a provincia fronte ao sistema xeral de elección de delegados por centro de traballo. Hai que ter presente que o sistema de elección provincial, con 142 delegadas a elixir cun censo superior aos 30.000 docentes, está totalmente discriminado en comparación, por exemplo, co ensino concertado. Se se aplicasen as mesmas normas o número de delegados a elixir achegaríase aos 1.600.

A CIG-Ensino ten na actualidade a representación do 46% do profesorado en Galiza, a moita distancia da segunda forza sindical que se limita ao 15%. O sindicato preside na actualidade as catro xuntas de persoal e supera o 50% dos votos nas provincias da Coruña e Pontevedra, nas que se concentra case o 80% do profesorado galego. 

Durante a presentación das candidaturas o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, aproveitou para facer balance do traballo realizado nos últimos catro anos e deu a coñecer as liñas básicas do programa da CIG-Ensino. Ademais de Bermello, que ten destino no IES Agra de Leborís da Laracha (A Coruña), encabezan as candidaturas provinciais Marta Dacosta  Alonso, docente no IES Terra de Turonio de Gondomar (Pontevedra), Laura Arrojo Reguera, con destino no IES Ánxel Fole (Lugo) e Suso Diz Romay, mestre destinado no CPI Virxe da Saleta de San Cristovo de Cea (Ourense). 

Balance altamente positivo na rendición de contas.

A CIG-Ensino atópase nestes momentos metida de cheo nunha campaña de rendición de contas polos 1.200 centros do país “para presentar diante de todo o profesorado o balance de catro anos de traballo sindical intenso que nos levou á mobilización permanente e a asumir, case en exclusiva, o traballo sindical nos centros educativos, reforzando o modelo de proximidade e implicación que nos caracteriza. Desde o traballo en diferentes plataformas, con especial incidencia na Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público fronte á LOMCE ate a recente campaña de medidas urxentes para a recuperación dos dereitos do profesorado apoiada por preto de 12.000 docentes, foron moitas as accións nas que o sindicato participou neste período”, apuntou Bermello.

Así, grazas á estreita colaboración coas ANPAS, Galiza liderou durante estes anos o boicot ás reválidas no Estado español con máis do 80% do alumnado secundando este rexeitamento. Así mesmo, as campañas de recollida de sinaturas tiveron o seu punto álxido na ILP para restituír os dereitos laborais do persoal docente e mellorar a calidade do ensino galego que foi presentada no Parlamento galego e que o Partido Popular botou abaixo. E esa defensa a ultranza do mandato do profesorado foi tamén a que guiou a actuación da central durante a farsa de negociación retributiva que desembocou na sinatura do acordo salarial entre a Consellaría e dous sindicatos minoritarios este verán. Dito pacto non só non vai servir para recuperar o poder adquisitivo perdido senón que hipoteca calquera mellora salarial para o colectivo docente até 2021. Neste sentido, Bermello quixo destacar a firmeza e a coherencia coa que actuou a CIG-Ensino “fronte a outras organizacións que responden con entrega e submisión á estratexia marcada pola Consellaría”.

En paralelo, lembrou que neste tempo tamén se acadaron logros “como o acceso á revisión médica anual para o colectivo docente, un dereito que nos foi negado unha e outra vez pola Consellaría e que a CIG-Ensino conseguiu que se vira recoñecido tras un longo proceso xudicial que acabou no Tribunal Supremo, ou o recoñecemento do dereito do persoal interino a poder acceder ás permutas provisionais e ás comisións de servizo por conciliación”. Desde a central sindical defendeuse o cumprimento dos cadros de persoal e a transparencia no nomeamento de cargos directivos, así como na oferta de vacantes tanto de destinos provisionais como no concurso de traslados, con actuacións e denuncias no plano xudicial que culminaron en sentenzas históricas como a que se coñeceu a semana pasada. Un auto no que o TSXG anula a creación dunha praza na Escola de Restauración de Bens Culturais de Pontevedra admitindo que se tratara dun claro caso de enchufismo e nepotismo.

CIG
Liñas básicas do noso programa

O secretario nacional da CIG-Ensino esbozou moi brevemente as principais liñas programáticas coas que concorre a central ás eleccións do 4 de decembro e que basicamente xa estaban resumidas no decálogo de medidas máis urxentes para a recuperación de dereitos e a mellora da calidade do ensino que lle presentaron á Consellaría este ano: 

  • Xornada laboral de 35 horas para todo o profesorado, coa recuperación da xornada lectiva de 18 sesións en Secundaria, FP e Ensinanzas de Réxime Especial e 21 en Infantil, Primaria e Educación Especial, así como a xornada reducida de xuño a setembro.
  • Derrogación da LOMCE e dos seus aspectos máis lesivos: reválidas, ranking de centros, privatización... Xestión democrática dos centros, recuperando o poder de decisión nos órganos de goberno.
  • Redución de ratios nas diferentes etapas educativas, con especial incidencia nas aulas masificadas nas grandes cidades, e regulamentación das afíns no camiño da súa eliminación.
  • Redución da carga burocrática nos centros educativos, permitindo que o profesorado adique o seu esforzo á práctica docente.
  • Ofertas amplas de emprego que vaian precedidas de estudos serios sobre o número de xubilacións e o número de profesorado interino de cada especialidade. Acceso diferenciado entre aspirantes libres e persoal interino. Acordo de estabilidade para o persoal deste último colectivo con moitos anos de servizo ou de avanzada idade. Eliminación das taxas de reposición e dos cupos e recuperación dos 3.000 efectivos perdidos nos últimos oito anos.
  • Limitación da temporalidade do profesorado en expectativa de destino a un máximo de dous anos após superar o proceso selectivo e transparencia na publicación e adxudicación das vacantes do Concurso de Traslados.
  • Plan especial de atención á diversidade: concesión de desdobres e reforzos, impulso da titoría, reforzo do profesorado de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe así como do departamento de Orientación.
  • Eliminación das limitacións para a impartición de clases en galego e fomento real da nosa lingua en todas as etapas formativas co obxectivo de que alomenos o 50% das materiais se impartan no noso idioma. Fomento da elaboración de materiais curriculares e dos plans de formación do profesorado na nosa lingua.
  • Negociación dun acordo retributivo para o profesorado galego que parta da recuperación de todo o roubado nos últimos oito anos, con especial incidencia nas pagas extras detraídas entre 2013-2016, e unha suba salarial que permita a recuperación do poder adquisitivo perdido. Incorporación dunha cláusula de revisión salarial que garanta unha suba igual ao IPC. Recuperación do dereito a cobrar os meses de verán para o persoal substituto que traballara cando menos 5 meses e medio nun curso académico.
  • Eliminación dos descontos por enfermar, percibindo o 100% desde o primeiro día de baixa, elaboración dun catálogo de enfermidades profesionais e revisión médica anual no Servizo Galego de Saúde. 

Volver