A CIG-Ensino empraza a Feijóo a desbloquear a negociación e a asumir unha mellora das condicións retributivas e laborais do profesorado

Na sexta reunión evidenciouse a nula vontade negociadora da Xunta e a súa incapacidade de resposta ás demandas do persoal docente

A CIG-Ensino convocará o profesorado a amosar o seu rexeitamento ao inmobilismo da Consellaría de Educación e a defender a dignidade dun colectivo duramente castigado desde a chegada de Feijóo á presidencia da Xunta. Neste sentido o sindicato convocará concentracións nas principais cidades do país o próximo xoves 14 de xuño e anuncia que abrirá un calendario de mobilizacións a principios do vindeiro curso se a Consellaría non dá marcha atrás no veto a negociar a mellora das condicións laborais, a recuperación do roubado e unha suba retributiva digna.

No día de hoxe quedou perfectamente retratada a táctica dilatoria da Consellaría de Educación que prolongou artificiosamente unhas reunións da Mesa Sectorial co obxectivo de achegármonos ao final do curso escolar e dificultar a capacidade de reacción do profesorado galego a unha proposta de acordo salarial absolutamente rexeitábel. O documento entregado pola administración reproduce o que a CIG-Ensino denunciou na reunión de onte ao respecto do uso dos fondos adicionais do acordo de Madrid subscrito por Montoro e as organizacións sindicais estatais. Deste xeito, e por vez primeira, impídese que se acumulen distintos acordos dos que se poida beneficiar o profesorado galego.

CIG

“Hai alguén que considere minimamente digna unha suba de 10 euros en outubro deste ano e ter que agardar tres anos e medio para chegar a cobrar os últimos 30 euros que propón a Consellaría?”

A administración mantivo inalterábel a súa proposta de suba de 10 euros este ano a partir de outubro, 15 a partir de xaneiro de 2019, 25 en xaneiro de 2020 e 30 en xaneiro de 2021 pechándose en banda a facer ningún tipo de concesión a respecto do calendario. Só anunciou que dispuña de marxe para subir minimamente a cantidade, sempre e cando houbera novas cesións por parte das organizacións sindicais.

A resposta da CIG-Ensino foi clara e contundente, como o foi desde a primeira reunión. O mandato do profesorado é rescatar as condicións de traballo e salariais que nos últimos anos nos foron arrebatadas polo goberno de Núñez Feijóo. Amosamos suficiente flexibilidade á hora de aceptar que esa recuperación das condicións laborais se plasmasen nun primeiro momento nun calendario de negociacións que deberían comezar xusto ao remate das Mesas sobre retribucións. Porén, o bloqueo da Consellaría foi evidente, o que pon de manifesto que as declaracións do presidente da Xunta ao respecto de dar resposta ás demandas do profesorado eran unha falacia. A proposta de suba salarial da Consellaría fica moi lonxe de “encher as expectativas” do persoal docente. O propio texto do acordo implicaría a asunción de novas renuncias que a CIG-Ensino non está disposta a asumir. Fomos moi críticos co acordo sindical estatal ao non implicar unha recuperación dos nosos salarios nos próximos tres anos, nin doutras cuestións como a eliminación dos descontos por enfermar, recuperar as pagas extras detraídas entre 2013-2016 e o cobro do verán para o persoal substituto. Porén, a proposta da Consellaría vai máis aló, xa que pretende hipotecar toda posibilidade de restituír os nosos dereitos e de acadar unhas retribucións dignas.

A posición inflexíbel dos representantes da administración educativa leva á CIG-Ensino a interpelar directamente o presidente da Xunta, Núñez Feijóo, ao entender que os límites impostos nesta negociación veñen do seu despacho. O seu goberno foi responsábel único do deterioro das nosas condicións de traballo e dunha perda de poder adquisitivo brutal desde o ano 2010. Correspóndelle a el como máximo responsábel de executar os recortes desbloquear a situación actual e, se ten un mínimo de dignidade e respecto polo profesorado galego, dar cumprida resposta ás nosas demandas.

CIG

Convocatoria de mobilizacións inminentes

Ante a chantaxe da Consellaría a CIG-Ensino chama ao profesorado a mobilizarse para o que convocará o vindeiro xoves, 14 de xuño, concentracións en todas as cidades galegas e xa anuncia que, se non hai ningunha rectificación por parte da administración, o vindeiro curso arrancará con mobilizacións contundentes, incluída a convocatoria de folga.

CIG Informa tras a suspensión das negociacións de homologación salarial

Documento


Volver