A CIG-Ensino e profesorado e alumnado afectado polos recortes e os cambios na oferta de FP trasládanlle ao BNG as súas demandas de cara ao vindeiro pleno no que comparecerá o conselleiro

Esta mañá o principal partido da oposición recibiu a unha representación da comunidade educativa máis afectada pola eliminación de 624 prazas en ordinario e 1.199 en modular presenciais na oferta de FP para o vindeiro curso e a súa transformación a online

  • O alumnado nas súas intervencións expuxo situacións especialmente graves, dado que moitas persoas rexeitaron un posto de traballo por continuar uns estudos que non van poder completar, noutros casos non dispoñen de material nos seus domicilios nin teñen interese na modalidade a distancia porque consideran que é imposible adquirir as competencias profesionais do ciclo que cursan mediante este sistema e noutros foron avisados 48 horas antes da apertura do prazo de matrícula de que desaparece a opción de rematar o ciclo na oferta modular sen máis alternativas que realizalo en ordinario e ter que renunciar ao seu traballo.
  • A responsábel de FP da CIG-Ensino, Montse Pernas, volveu incidir en que a Consellaría está manipulando as cifras ao anunciar un incremento de prazas “irreal”, porque nos grupos a distancia son 50 fronte ao máximo de 30 nos presenciais. Así mesmo, alertou de que se están desviando boa parte dos fondos Next Generation, tanto os 900 millóns de euros da Estratexia Galega de FP para o período 2022-2024 como os aprobados polo goberno central posteriormente do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, ás empresas a través do incremento nun 136% das prazas en dual e de fomentar a privatización destas ensinanzas autorizando a impartición de ciclos presenciais a centros privados que lle negan aos públicos, tal e como puxeron de manifesto con casos  concretos, como o CS de Promoción de Igualdade de Xénero, representantes das familias profesionais de Servizos á Comunidade e de Administración e Xestión.

Ao longo da reunión, na que participou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e a deputada Mercedes Queixas, que vai ser a encargada de interpelar o vindeiro mércores ao conselleiro de Educación no Pleno do Parlamento, houbo unanimidade nas demandas presentadas pola CIG-Ensino e unha representación de alumnado e profesorado afectado polos cambios introducidos este ano pola Consellaría de Educación na oferta formativa da FP, sobre todo polo transvase de prazas en modalidade presencial (desaparecen preto de 2 000) á modalidade online (increméntanse en 3 050). O profesorado presente fixo fincapé especialmente na imposibilidade de levar a cabo a última proposta da Consellaría de que se imparta presencialmente o 100% do horario da modalidade a distancia, “se así se se consesúa co alumnado”, e botou en falta unha regulamentación específica sobre como se levaría a cabo, ademais de que indicou que non dispoñen de espazo nin de material para poder atender adecuadamente a 50 alumnos e alumnas simultaneamente nunha aula ou taller.

Así mesmo, tamén se denunciou o incremento da modalidade dual con todo o que o que está a implicar, dado que as empresas son as que directamente seleccionan o alumnado, incluso dirixíndose aos centros para que lles envíen estudantes desde xaneiro a xuño matriculado noutras modalidades. Por outra banda, esas mesmas empresas están enviando o seu persoal traballador aos centros educativos para que este acredite as súas competencias profesionais. “O profesorado e os centros van acabar converténdose nun intermediario máis da cadea de contratación e de subcontratación das empresas, ao estilo dunha ETT ou xestoría”, indicouse.

Entre o alumnado presente había persoas que estudan ciclos superiores da familia profesional de Transporte e Mantemento de Vehículos, de Administración e Xestión e de Servizos á Comunidade que, xunto coa de Informática son as que máis sofren da supresión de ciclos presenciais. Algunhas amosaron a súa preocupación por non poder rematar o vindeiro curso os seus estudos porque, por cuestión de horarios ou de conciliación, só poden facelo en modular presencial, ou simplemente porque non queren facelo a distancia por considerar que non van poder adquirir certas competencias ou que non dispoñen dos medios e recursos para cursar estas ensinanzas desde o seu fogar, alén da necesaria socialización que supón acudir a un centro educativo.

Por parte da CIG-Ensino animouse a apoiar a marcha en defensa do ensino público, e da presencialidade na FP, o vindeiro martes 27 ás 11:30 en Compostela e a que se siga asinando a campaña de recollida de sinaturas promovida por alumnado afectado por estes cambios, así como a presionar á Consellaría até o último momento para que rectifique, escoite á comunidade educativa  e non siga mentindo ao aludir que esta modificación se fixo ou ben por petición directa dos centros ou ben por falta de matrícula e que na modalidade a distancia a taxa de persoas que acadan a titulación é maior que na modular. Nestes momentos a Consellaría aínda ten marxe para incorporar os ciclos que demandan os centros ata o peche do prazo de matrícula e garantir con esta medida que nos próximos anos non haxa unha perda importante da mesma, sobre todo nos centros públicos.

Volver