A CIG Ensino e outras organizacións sindicais da concertada trasládanlles aos grupos parlamentares as reivindicacións deste sector

O Conselleiro segue a dar, desde o 3 de outubro, a calada por resposta á nosa petición de reunión

Dende a CIG-Ensino seguiremos reivindicando donde sexa e as veces que faga falla tanto o Acordo Mantemento de Emprego (AME), como a recuperación dos recortes e melloras laborais e salariais para as traballadoras e os traballadores da concertada

A CIG Ensino e as Organizacións Sindicais FSIE, FeSP-UGT, CCOO Ensino e FEUSO, durante os días 13 e 14 de novembro, reúnense cos responsables de educación dos grupos parlamentares do BNG (Olalla Rodil), PSOE (Luís Álvarez), EN MAREA (Luca Chao) E PP (César e Moisés) para facerlles chegar os problemas que afectan ás traballadoras e traballadores da ensinanza concertada, e sexan tidos en conta de cara ao trámite parlamentar dos Orzamentos da Xunta para 2018:

  • Acordo Mantemento de Emprego (non temos AME desde setembro de 2009), o cal entendemos indispensable para os traballadores/as no mantemento do seu posto de traballo, pois a perda de unidades lévaos ao paro, e á Consellaría non lle suporía un incremento no gasto, ou este sería mínimo.
  • Suspensión en 2010, co inicio dos recortes de dereitos e salariais, da cláusula terceira do Acordo Plurianual 2008-09-10 de 24 de abril de 2008 sobre condicións laborais e de calidade do ensino, quedando pendente unha revalorización do 2% do Complemento Retributivo Autonómico e 45 € por xornada completa. Este acordo foi asinado co Bipartito, aprobado en Consello da Xunta e publicado no DOG o 30 de maio de 2008.Recorte do 5% no salario en 2011 vía Lei de Orzamentos. Posterior recorte do Complemento Retributivo Autonómico en 2013.
  • O pago do complemento por ser coordinador do equipo de dinamización lingüística, dereito económico recollido no RD 79/2010 do Plurilingüismo, e que os traballadores do ensino concertado non están a recibir.
  • A Paga Extraordinaria de Antigüidade de 25 anos na empresa non é aboada desde o derradeiro acordo en novembro de 2010.

Tendo en conta esta situación, cunha recuperación macroeconómica da que tanto fala o goberno da Xunta de Galicia que non perciben aínda as traballadoras e traballadores, entendemos que é o momento de abordar desde a responsabilidade estas cuestións, empezando por eliminar na próxima Lei de Orzamentos para o ano 2018, o parágrafo terceiro do artigo 53.2 e a disposición adicional novena que posibilite empezar a negociar un acordo de abono da PEA ou un calendario de recuperación salarial, sen esquecer o AME así como o complemento de dinamización. 

Nestas reunións as que asistiu o responsable da privada da CIG-Ensino, Henrique García, acadouse o compromiso dos distintos grupos da oposición BNG, PSOE e EN MAREA, de enmendar e reivindicar nos Orzamentos da Xunta para 2018 os distintos temas expostos , tomando conciencia dos dereitos lexítimos dos traballadores/as.

O Conselleiro segue a dar a calada por resposta á nosa petición de reunión

 Dende o PP non se conqueriu compromiso algún, agás o de trasladar aos responsables dos Orzamentos as nosas reivindicacións. Tema este que xa anteriormente levamos as OO.SS á mesa da tripartita do 18 de outubro e que só foi informativa carecendo de negociación colectiva alguna. Trasladáronnos o ben que o están a facer no sector e coas patronais. De cara aos traballadores/as, logo das nosas reivindicacións, só levamos “cabazas” e iso que faltaban case 15 días para o Samaín… “a Consellaría non negociará o AME, non é responsabilidade nosa” , “ a PEA na permite Facenda” , “os recortes ao igual que dixemos na mesa da Función Pública nos contemplamos” e “ sobre calquera suba salarial para 2018 dependerá dos Orzamentos Estatais” , que tal como pintan apunta a conxelación salarial.

Dende a CIG-Ensino seguiremos reivindicando donde sexa e as veces que faga falla tanto o Acordo Mantemento de Emprego (AME), como a recuperación dos recortes e melloras laborais e salariais para as traballadoras e os traballadores da concertada.

Volver