A CIG-Ensino e o profesorado CELGA concéntranse diante da Secretaría Xeral de Política Lingüística contra os despedimentos destes docentes

A CIG-Ensino, que denunciou a situación ilegal deste profesorado na Inspección de Traballo, promoverá demandas por despedimento

A CIG-Ensino concentrouse este martes 25 de marzo diante da Secretaría Xeral de Política Lingüística co profesorado que impartía cursos preparatorios CELGA para exixir que a Secretaría Xeral de Política Lingüística aplique as resolucións da inspeccións de traballo que recoñecen a relación contractual deste docentes coa Administración e que obrigaron a dalos/as de alta na Seguridade Social. A CIG-Ensino xa anunciou que, do contrario, promoverá denuncias por despedimento.

Na concentración convocada pola CIG-Ensino, o seu  secretario nacional, Anxo Louzao, denunciou que “a  Consellaría está actuando de maneira fraudulenta e irregular ao despedir e deixar no paro a este colectivo de profesorado en lugar de aplicar as resolucións da Inspección de Traballo”.  Anxo Louzao lembrou que as resolucións das  inspeccións, que responden ás denuncias presentadas pola CIG,  recoñecen que este profesorado estaba impartindo estes cursos cunha situación laboral irregular, obrigan a dalo de alta na Seguridade Social con efectos retroactivos e impóñenlle unha sanción económica de máis de 200.000 euros á Consellaría. Ademais a Inspección de Traballo da Coruña dirixiuse de oficio aos xulgados para que determine que tipo de relación contractual lle corresponde ter a este profesorado coa Administración.

En canto a CIG-Ensino tivo coñecemento de que a Secretaría Xeral de Política Lingüística estaba a dirixirse ao profesorado de Lingua e Literatura Galega de secundaria para urxilo a que respondese se aceptaba impartir os cursos CELGA como horas extraordinarias elaborou e difundiu unha campaña para informar ao profesorado en activo do que significaba esta proposta da SXPL e para pedir aos docentes que por solidariedade a rexeitasen. O resultado da campaña realizada pola CIG-Ensino tivo moi boa acollida, pois o profesorado de secundaria, de forma maioritaria, entendeu a proposta e negouse a impartir estes cursos, consciente de que se aceptase estaría repercutindo nun colectivo dunhas 476 persoas, das que aproximadamente unhas 150 conseguen traballar, impartindo estes cursos cada ano.

Diante da situación actual, a CIG-Ensino -que xa recolleu adhesións individuais ás denuncias presentadas no seu día nas Inspeccións de Traballo- promoverá, entre o profesorado CELGA, a presentación de demandas por despedimento. Ao tempo, continuará coa campaña de mobilizacións e nos centros para convencer o profesorado de que se negue a facer horas extras. Louzao atribuíu esta decisión da Consellaría de Educación e da Secretaría Xeral de Política Lingüística a unha “actitude represiva contra todo este profesorado” e asegurou que é “inadmisíbel, inxustificábel e unha vergonza” que a Secretaría Xeral nin sequera admita a resolución da Inspección.

LIGAZÓN CIG INFORMA Que recolle todas as actuacións levadas a cabo pola CIG-Ensino.

Volver