
A CIG-Ensino e as outras organizacións sindicais abandonan a Mesa Sectorial ao vulnerar a Consellaría as canles de negociación
O detonante foi o desprezo de Educación ao profesorado e aos seus representantes, ao vulnerar de facto as canles preceptivas da negociación
Isto evidénciase no feito de que antes de se realizar esta Mesa a Consellaría xa ten convocado o Consello Escolar de Galicia para tratar ambos os currículos, que no caso de FP Básica xa emitiu ditame a permanente do Consello e no de primaria solicita as emendas sobre un texto que non foi negociado na Mesa Sectorial. O que significa que non se terán en conta ningunha das achegas realizadas polas organizacións sindicais.
De maneira unitaria as organizacións sindicais propuxémoslle á Consellaría que se tratasen na Mesa de hoxe os puntos 4, 5 e 6 (Calendario escolar e ordes de elección de provisionais para o curso que vén) e que se convocase unha nova mesa para tratar os currículos de primaria e FP Básica, de onde resultaría un texto que sería o documento sobre o que tería que emitir ditame o Consello Escolar de Galicia, como é preceptivo, e que de non o facer así abandonaríamos a Mesa, pois o resultado da mesma, en relación a estes puntos, non tería ningún efecto.
As organizacións sindicais tamén temos que denunciar que a Mesa Sectorial docente foi convocada con menos de 48 horas de antelación, e que documentación de transcendental importancia, a proposta de horario do profesorado, foi enviada despois desa convocatoria, polo que non se cumpriron os prazos legalmente establecidos. A maiores, estamos diante dunha mesa convocada ás 12 da mañá con 7 puntos na orde do día, entre eles algúns tan importantes como os xa citados currículos de Primaria e FP Básica.
Esta actuación é unha vulneración das canles democráticos de negociación e un desprezo ao profesorado, a quen representamos na Mesa Sectorial, organismo en que temos a función de trasladar as propostas que consideremos oportunas no seu nome.
Estamos ante un proceder que evidencia a improvisación e o despropósito máis absolutos en relación coa aplicación da LOMCE, pois estes currículos teñen que se aplicar para o curso que vén, cando malamente van estar publicados días antes do inicio de setembro. Ante esta situación, o máis sensato sería adiar a aplicación da LOMCE, mais a Consellaría de educación está máis interesada en facer seguidismo do Ministerio de Educación, que en velar polo bo funcionamento do Sistema Educativo Galego.
OUTRAS NOVAS