A CIG-Ensino reclama un convenio digno e xusto nas negociacións do XV Convenio Estatal de Atención ás Persoas con Discapacidade
As centrais sindicais están dispostas a seguir coas mobilizacións, non descartando xornadas de paro, caso de non acadar melloras laborais e salariais que dignifiquen o convenio.
Uns 200 traballadores/as do sector da discapacidade, convocados pola CIG-Ensino e polas demais OO.SS da mesa de negociación en Madrid, concentráronse diante dun Centro de AGASFRA en Vigo ante o inmobilismo da patronal na negociación do XV Convenio Estatal de Atención ás Persoas con Discapacidade.
As centrais denunciaron un novo adiamento da mesa negociadora ao non facer os seus deberes as patronais e criticaron que até o de agora se teñan celebrado unicamente cinco reunións, “moitas delas estériles”, en máis dun ano que leva denunciado o XIV convenio. Ademais, rexeitaron que o empresariado pretenda empeorar máis o convenio coas súas propostas “logo de que xa o recortaran e masacraran na última década coa escusa da crise e coas reformas laborais dos gobernos estatais que tan lesivas resultaron para a clase traballadora e para este sector en particular”.
Estas mobilizacións, que tiveron lugar no día de onte en todo o Estado, esperamos que obriguen ás empresas a cambiar de rumbo, pois para a CIG-Ensino e as demais OO.SS a única dirección posíbel é a recuperación dos dereitos laborais e salariais. Para iso, os traballadores/as están dispostos a seguir coas mobilizacións, incluso convocando xornadas de paro, conscientes de que a única saída a este conflicto é acadar un “convenio digno e xusto”.
Ademais desta unidade de acción sindical nas mobilizacións, as tres OO.SS acadamos unha plataforma unitaria para defendermos os dereitos dos traballadores/as na mesa de negociación, cuxas liñas básicas son:
- Vacacións de 30 días, preferentemente no verán, 15 días a elixir polo traballador/a, máis 6 a maiores a gozar durante o resto do ano, previa solicitude do traballador/a.
- Recuperación salarial: con subas para 2017 dun 1,25% de salarios iguais ou superiores a 1000€ e os inferiores a esta cantidade una suba lineal da cantidade que resulta de aplicar o 1,25% aos 1000€. No 2018 suba dun 2,75% para salarios superiores a 1000€ e para os inferiores a esta cantidade unha suba dun 5%. Nos seguintes anos de sinatura do convenio garantir o IPC con cláusula de revisión salarial, cunha porcentaxe a acordar engadida ao IPC para recuperar a perda acumulada de poder adquisitivo (5,2%) dende a sinatura do XIV convenio.
- Recuperación do complemento de antigüidade (trienios).
- Redución da xornada laboral a 37,5 horas semanais nos centros de atención especializada, centros especiais de emprego e persoal de administración e servizos. Nos centros educativos igual que no ensino concertado. Axuste da xornada máxima anual á semanal.
- Eliminación dos descontos en caso de incapacidade temporal por enfermidade común ou accidente non laboral durante o primeiro mes.
- Recoñecemento de enfermidades profesionais.
- Recuperación dos seis días de asuntos propios.
- Permiso retribuído polo tempo necesario para asistir a consultas médicas o traballador/a, fillos e fillas menores de idade (ou acollidos/as) e familiares dependentes (pola súa idade ou enfermidade).
- Reserva do posto de traballo durante o primeiro ano nas excedencias voluntarias, e durante toda a vixencia das mesmas por coidado de fillo/a menor ou por coidado de familiar ou persoa dependente a cargo que convivan co traballador ou traballadora. A duración máxima destas tres modalidades de excedencias será de 5 anos.
- Ao persoal que desenvolva a súa actividade en dous ou máis centros ou servizos dunha mesma empresa, no mesmo posto de traballo, aplicaránselle as mesmas condicións laborais en todos eles e serán sempre as máis favorables para o traballador/a.
- Recuperación do plus de gratificación: cobro do 7% do salario anual cada 12 anos na empresa.
- Redución da xornada para maiores de 55 anos.