A CIG-Ensino e A Mesa solicítanlle á Valedora do Pobo que inste á Consellaría de Educación a que paralice unha nova agresión ao ensino en galego
Coa nova lexislación educativa o alumnado de ESO ten 31 horas en español fronte a 18 en galego, se cursa ensinanzas aplicadas, e 21 se cursa ensinanzas académicas
En declaracións aos medios de comunicación, Anxo Louzao e Marcos Maceira denunciaron que a entrada en vigor da LOMCE -e a conseguinte modificación dos currículos da ESO e da carga horaria das materias- deu lugar a un desequilibrio aínda maior do noso idioma. Coa LOMCE, subliñaron, empeórase a situación de discriminación e marxinación que xa provocou a aprobación do Decreto do Plurilingüismo, que foi rexeitado maioritariamente pola sociedade galega e declarado ilegal, boa parte do seu articulado, polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.
Para a CIG-Ensino e a Mesa, segundo se recolle na queixa dirixida á Valedora do Pobo, as mudanzas curriculares derivadas da aplicación da lexislación básica estatal deben ser acompasadas coas modificacións necesarias na normativa educativa galega para non continuar afondando na marxinación e discriminación do galego.
Coa nova lexislación educativa o alumnado de ESO ten 31 horas en español fronte a 18 en galego, se cursa ensinanzas aplicadas, e 21 se cursa ensinanzas académicas. “Esta distribución horaria dá como resultado que na ESO o alumnado reciba 13 horas menos de docencia en galego que en español, na modalidade de ensinanzas aplicadas, e 10 menos nas académicas”, explicou Anxo Louzao. “Non estamos dispostos aceptar que no ámbito lexislativo se discrimine desta maneira o noso idioma”, explicou o secretario nacional da CIG-Ensino que tamén criticou con dureza ao novo conselleiro de Educación “por continuar na senda do anterior co beneplácito de Feijoó”.
Marcos Maceira insistiu na urxencia de que a Consellaría de Educación, que ten competencias para actuar, tome medidas para compensar esta discriminación. O presidente da Mesa lembrou os acordos pola normalización lingüística que foron recollidos nunha declaración conxunta promovida pola Mesa o 15 de xullo de 2015 e ratificados por todos os partidos con representación en Galiza, incluído o PP. “Se queren cumprir os acordos aos que se comprometeron teñen que facelo inmediatamente”, engadiu para logo advertir que A Mesa promoverá diferentes accións para denunciar esta persecución ao galego nas institucionais internacionais que se pronunciaron en contra do Decreto do Plurilingüismo.
A CIG-Ensino xa se dirixiu no mes de setembro ao conselleiro de Educación para deixar constancia das consecuencias da aplicación da LOMCE polo incremento da españolización e redución do ensino en galego que supón. Tamén na Mesa Sectorial do 11 de outubro incidiu na necesidade de “desfacer este novo atropelo á nosa lingua”, sen que até agora a Consellaría emprendese ningunha modificación do Decreto 79/2010 para desfacer esta marxinación.
Por todo isto, A Mesa e a CIG-Ensino anunciaron a convocatoria de mobilizacións, nomeadamente dunha concentración para o día 14 de decembro diante da propia Consellaría de Educación na que demandarán a inmediata derrogación do Decreto de Plurilingüismo e posta en marcha de medidas para que se lle garanta ao ensino en galego a mesma carga lectiva que ao ensino en español; unha actuación urxente para adecuar e ampliar as áreas que hai que impartir en lingua galega e levantar o veto de impartir en galego Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía.