A CIG-Ensino e a AS-PG poñen en aberto o material das XXIX Xornadas de lingua e literatura. Ricardo Carvalho Calero.

Con vocación de permanencia ponse a disposición da sociedade en xeral unha serie de conferencias sobre a súa vida e obra, un conxunto de propostas didácticas, a derradeira entrevista que concedeu e poemas musicados.

A XXIX edición das Xornadas de lingua e literatura, dedicadas de forma monográfica á figura e obra de Ricardo Carvalho Calero, autor que por fin veu recoñecida a súa longa e importante traxectoria como homenaxeado o Día das Letras Galegas, viuse afecta dobremente pola situación sanitaria que vivimos desde marzo. Primeiro co seu adiamento con respecto á data de celebración prevista, o 25 de abril, e agora coa súa reconversión nun formato a distancia ao non ser posible a celebración da modalidade presencial.

Porén, malia todas as adversidades na CIG-Ensino non quixemos de ningún xeito que quedase sen celebrar esta homenaxe e mesmo fixemos a nosa proposta para que a RAG prolongase esta commemoración durante o ano 2021. Despois de que tampouco se puideran levar a cabo os actos previstos para o día 31 de outubro, ao que se trasladara a celebración do Día das Letras, debido ás restricións impostas nas grandes cidades e en Compostela, agardamos que este material teña un longo percorrido nos próximos meses. Así pois, coincidindo co que tiña que ser o novo día grande do autor da Gramática elemental do galego e da Historia da literatura galega contemporánea a CIG-Ensino e a AS-PG decidiron publicar os contidos destas Xornadas monográficas para axudar a espallar a súa figura e relevancia tanto como autor dunha extensa obra literaria como estudoso e investigador sobre a nosa lingua.

Alén disto no pasado mes de marzo celebramos un curso a distancia que pretendía ser un complemento destas xornadas presenciais e durante o período de confinamento por mor da pandemia, preparamos un repositorio de actividades para facilitar o labor do profesorado á hora de dispor de material para poder traballar no último trimestre do curso sobre a súa obra.

As Xornadas finalmente reconvertéronse nun curso de formación homologado pola Consellaría de Educación e apoiado polo Concello de Santiago. Compóñense dun conxunto de conferencias, a cargo de recoñecidas e recoñecidos especialistas que abordan distintos aspectos da obra de Carvalho Calero; un abano de propostas didácticas presentadas polo escritor e docente Héctor Cajaraville; a presentación da última entrevista que concedeu Carvalho Calero á AS-PG no ano 1989, na súa maior parte inédita e, como colofón, a adaptación musicada por Ugía Pedreira para esta actividade de tres poemas do autor.

A continuación detallamos os principais contidos que conforman estas Xornadas ás que tamén se pode acceder de forma íntegra nesta ligazón.

Xosé Ramón Freixeiro Mato

O aspecto lingüístico da obra de Carvalho Calero

Laura Tato.

A poesía e o teatro de Ricardo Carvalho Calero

Pilar García Negro.

Carvalho Calero, narrador

Manuel Castelao Mexuto.

"O meu Carvalho"

Héctor Cajaraville

Abano de propostas didácticas arredor de Carvalho Calero

Tempo para a esperança

Carvalho Calero na sua voz

Ugia Pedreira

Tres poemas musicados de Carvalho Calero

Volver