A CIG Ensino e a AS-PG presentan o libro Axeitar a lingua: orientacións para unha comunicación inclusiva no ensino
As autoras do libro, Montse Pena e María Caamaño, fan posible unha obra necesaria tendo en conta o contexto social que vivimos
O libro presentouse onte na Casa de Xoana Torres en Compostela e no acto estiveron ademais das autoras, a presidenta da AS-PG, Patricia Varela e a secretaria de formación da CIG-Ensino, Ana Rodiño.
O proxecto enche un oco xa que hai moi poucas publicacións especificamente centradas no ámbito educativo sobre linguaxe inclusiva. Conscientes disto, desde a AS-PG e a CIG-Ensino, xa desde hai ben tempo, tratan de colaborar na reversión desta situación co traballo que leva por título Axeitar ou axitar a lingua: orientacións para unha comunicación inclusiva no ensino.
A iniciativa foi posible grazas á aceptación do convite de Montse Pena e María Caamaño, docentes, investigadoras e compañeiras que malia saberen que se ían somerxer nun terreo certamente pantanoso, afoutas pero non temerarias elaboraron un traballo valioso e pioneiro para linguaxe inclusiva.
Axeitar e axitar
O propio título recolle as accións necesarias á hora de abordar a linguaxe inclusiva, nomeadamente o verbo axitar no sentido de espertar conciencias e facer un chamamento ao profesorado sobre o cuestionamento do sistema estabelecido. Neste caso sobre a linguaxe inclusiva e a coeducación, pero en xeral para mostrar unha postura crítica ante o sistema dado que o ensino é onde se forxa a sociedade do futuro.
A necesidade do traballo e a falta de atención da administración educativa
A CIG-Ensino e a AS-PG insisten en que “un traballo coma este se fai necesario se temos en conta o contexto social que vivimos no que desde o feminismo e desde a diversidade sexual se procura unha xusta inclusión na lingua mentres que desde outros distintos sectores da sociedade se trata de frear esta reivindicación ou se ten unha actitude moi contraria mesmo dentro do corpo do profesorado”. As propias autoras fan alusión a unha nova recente na que se divulgaba que cos votos de VOX, PP e Ciudadanos, Andalucía aprobaba ”eliminar a linguaxe inclusiva dos libros de texto” . Tamén se fixo alusión a outra nova destes días, máis próxima a nós no tempo e no espazo, na que se divulgaba un estudo da facultade de Ciencias da Educación da UDC realizado entre profesorado galego de infantil e primaria que conclúe a existencia de homofobia e transfobia entre as e os docentes de infantil e primaria e que esta se acentúa entre o profesorado máis novo, o cal aumenta máis o grao de preocupación. “Nun contexto coma este tan próximo a nós, pensamos que é preciso concienciar-axitar-informar e formar o profesorado galego para que poida remar a favor da linguaxe inclusiva e da coeducación e cremos que este manual pode ser de grande axuda neste sentido” insiste Ana Rodiño.
Ante esta situación, insisten desde o sindicato e do MRP, debería ser a administración educativa a que tomase a iniciativa de levar a cabo proxectos coma este dada a evidente necesidade.
O papel da Real Academia Galega e a normalización da lingua galega
Non hai que perder de vista, como así o fan as autoras, que estamos falando da nosa lingua, da lingua galega que aínda está en proceso de normalización. A CIG-Ensino comparte con elas que o práctico é sacar forzas da debilidade tendo en conta que a nosa lingua ten unha norma máis nova e polo tanto menos enraizada cá doutras linguas e por iso mesmo máis proclive aos cambios, por iso non debemos perder a oportunidade de “potenciar o uso dunha lingua renovada, viva, que reflicta nos seus usos as demandas sociais levadas a cabo polos feminismos e que, polo tanto, sexa sempre unha lingua sumativa”. “Colaboraremos así mesmo á súa normalización, ao mostrar unha lingua máis moderna”, indican.
Desde o sindicato tamén se quixo resaltar e apoiar o chamamento que María e Montse fixeron á RAG, cunhas interesantes reflexións a este respecto e a propósito do Dicionario da RAG : “ recolle xa a forma feminina, pero segue primando a masculina a pesar de que alfabeticamente esta iría despois”, ou “non hai unha definición de muller no diccionario, ou “é importante que desapareza o termo señorita, que segue recollendo o DRAG a pesar do artificial do sufixo “ita” no galego, como xeito de aludir ás mulleres solteiras e que non ten equivalente en masculino. Tamén con elas a CIG-Ensino e a AS-PG comparten que a RAG foi introducindo melloras pero aínda lle queda un longo camiño por diante.
Un traballo dirixido ao profesorado
No libro alúdese en varias ocasións ao papel de modelo ou paradigma do profesorado na medida en que o seu uso da linguaxe inclusiva pode dar pé á interiorización da mesma por parte do alumnado. As autoras apelan a isto constantemente chamándoo á reflexión. Esta intención plásmase na forma do libro xa que as autoras mesmo introduciron uns espazos en branco a modo de páxina de cadernos para a reflexión que cada lectora ou lector docente poida facer.
Por outro lado, o traballo convida á reflexión como as mesmas autoras mencionaron: “o libro non pretende ser un receitario ou un solucionario senón que se quere con el poñer o foco na reflexión lingüística”. Indica Ana Rodiño que “ evidentemente non se queda niso porque o libro suxire solucións moi axeitadas e achega unha manchea de propostas didácticas interesantísimas orientadas aos diferentes niveis educativos que son os vimbios cos que tecer o cesto da linguaxe inclusiva, unha vez que o profesorado bote a andar por este camiño”.
Citando as palabras das autoras, desde as entidades editoras insistiuse en que “resulta imprescindíbel ao pór en práctica a linguaxe e a comunicación inclusiva nas aulas unha (auto)reflexión lingüística importante que levará un tempo que calle, especialmente de maneira práctica e en contextos orais informais, onde posíbelmente se actúe de xeito máis impulsivo. Non obstante, implementando algunhas cuestións pouco e pouco, tense a certeza de que se conseguirán resultados axiña e que se incorporarán á práctica propia con naturalidade. O que de primeiras require unha excesiva conciencia lingüística, despois convértese nun uso integrado nos nosos propios idiolectos.
Patricia Varela e Ana Rodiño subliñaron que “Seguras de que a linguaxe inclusiva acabará callando queremos axudar a que así sexa aínda que non de maneira perfecta porque como tamén nos recordan as autoras: “ A comunicación inclusiva perfecta non existe, pero as persoas comprometidas cos feminismos temos a esponsabilidade de intentar procurala e de facela factible no ámbito educativo e empregala é un xeito de normalizala”
A CIG-Ensino e a AS-PG poñen a disposición do profesorado o libro nas súas respectivas webs e simultaneamente levarán exemplares do mesmo a todos os centros de ensino