A CIG-Ensino diríxese aos grupos parlamentarios no Senado e á ministra Celaá ante os problemas e incertezas que provoca a vía elixida na LOMLOE para a extinción do corpo de PTFP
O sindicato defende que esta medida "non deixe ninguén atrás" en aras a conseguir un corpo único docente.
A CIG-Ensino vén de trasladar un escrito á ministra Celaá e aos grupos parlamentarios con representación no Senado ante o inminente proceso de tramitación e votación da LOMLOE na cámara alta e como última oportunidade para procurar salvar un dos problemas que, desde o punto de vista do sindicato maioritario en Galiza, se poden ocasionar a miles de docentes do actual corpo de Profesorado Técnico de FP (PTFP) en todo o Estado e a un número tamén destacado no país.
O texto aprobado no Congreso incluíu a última hora e sen ningún tipo de debate previo coas organizacións sindicais, unha medida que na CIG-Ensino cualificamos como insuficiente de redución da estrutura dos corpos docentes. O texto que se votará no Senado regula a extinción do corpo de PTFP e a súa integración no corpo de Profesorado de Ensino Secundario (PES), unha medida que a CIG-Ensino defende aínda que a nosa posición é a dun corpo único de docentes.
O escrito do sindicato busca arroxar unha visión da que entendemos está carente o texto actual e que consideramos non se redactou nin se valorou desde a perspectiva do profesorado que se vai ver afectado polas medidas. Estas son as consideracións e propostas que desde o sindicato vimos de trasladar para que poidan ser valoradas no debate final:
- Consideramos que o camiño a seguir é a integración de todos os corpos docentes nun único Corpo de Profesorado, dentro do grupo A1. A consideración de diferentes niveis dentro do grupo, como existen agora mesmo ou cos cambios que se puideran considerar serían, de ser o caso, materia de negociación nun futuro Estatuto Docente.
- De se manter a limitación actual de extinción do corpo de PTFP consideramos altamente discriminatorio que non se adopte a mesma medida co profesorado do Corpo de Mestres de Taller de Artes Plásticas e Deseño, xa que a equivalencia co profesorado do Corpo de PRFP na súa relación co corpo co que comparten ensinanzas (Profesorado de AA.PP. e PES) é total.
- Consideramos que se debería arbitrar igualmente unha medida similar, como mínimo, para o profesorado do corpo de mestres adscrito á ESO, no camiño a ese longamente demandado corpo único.
- Ao respecto do funcionariado de carreira do corpo de PTFP demandamos que no texto final da LOMLOE se concrete a integración automática no corpo de PES, ao entendermos que quen superou un proceso selectivo nun corpo que desaparece por un cambio lexislativo, debe integrarse directamente. De ser preceptivo algún tipo de proceso debe indicarse que será mediante concurso no que só se poderá considerar apto ou non apto en función do cumprimento dos requisitos de titulación requiridos. Entendemos que isto debe formar parte da normativa que estabeleza o regulamento de integración mais tamén somos conscientes e partícipes da preocupación do profesorado afectado e de aí que demandemos que, dalgunha maneira, se despexen no texto da LOMLOE todas as incertezas que provoca a redacción actual.
- Canto á titulación do PTFP entendemos que o feito de que formen parte do corpo como funcionariado de carreira non debe implicar ningunha traba para a súa integración no corpo de PES. Polo tanto, consideramos que as titulacións que foron e son consideradas equivalentes a efectos do ingreso na función pública docente no corpo de PTFP (diplomaturas, enxeñarías técnicas, titulación superior de FP…) deben ser consideradas para a integración no corpo de PES.
- No suposto de que a intención de quen lexisla sexa restrinxir o acceso ao corpo de PES a quen teña titulación de Grao (impedindo que acceda PTFP con outra titulación declarada equivalente a efectos de docencia e de ingreso), consideramos que se debe modificar a limitación temporal fixada na Disposición Adicional Undécima para o acceso ao corpo de PES do funcionariado do corpo de PTFP (na entrada en vigor da Lei), permitindo que poida integrarse todo o profesorado que acade a titulación requirida, con independencia do momento no que a obteña, regulando por tanto un sistema de integración aberto e indefinido.
- Ao respecto do profesorado interino do corpo de PTFP, a CIG-Ensino considera que non se pode nin se debe producir ningún tipo de discriminación ao respecto do funcionariado de carreira e que todo o persoal que actualmente forma parte das listas de profesorado interino nas diferentes comunidades autónomas debe manter os seus dereitos, tanto para o exercicio da docencia como persoal interino como para o ingreso na función pública docente coa mesma titulación requirida para PTFP. Do contrario, miles de docentes en precario se verían condenados a unha vía morta, sen poder participar nos procesos selectivos que necesariamente só poderían ser ao corpo de PES nas especialidade que actualmente son de PTFP.
- Por último, trasladamos igualmente a preocupación e as dúbidas que provoca a redacción do artigo 95.3, no que se indica que o profesorado especialista que poderá ser contratado con carácter excepcional no ámbito da formación profesional, será exclusivamente cunha relación laboral en réxime de contratación laboral. Consideramos que esas contratacións deben ser nas mesmas condicións que o resto do profesorado, isto é, con contratos administrativos.