A CIG-Ensino destaca que o TSXG tumba piares básicos nos que se asenta o Decreto de Plurilingüismo

A CIG-Ensino esixiu hoxe en rolda de prensa a súa derrogación e que se restableza o consenso do Plan Xeral de Normalización Lingüística do 2004

A CIG-Ensino destacou hoxe que coa sentenza na que estima parcialmente o recurso presentado pola central sindical ao Decreto 79/2010 de Plurilingüismo, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza declara ilegal o decreto en aspectos claves e tumbas dous dos piares básicos nos que se asenta a política lingüística do PP. O Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, destacou nunha rolda de prensa na que participou tamén a responsábel de Normalización, Marta Dacosta, a contundencia da sentenza e esixiulle á Xunta que rectifique e derrogue o decreto, retomando o consenso social ao que se chegou no 2004, co Plan Xeral de Normalización Lingüística.

Segundo lembraron, esta  sentenza -á que lle hai que sumar a estimación en termos semellantes dos recursos presentados pola Mesa pola Normalización Lingüística e Queremos Galego- anula o artigo 5.2., no que se estipulaba a realización dunha enquisa vinculante entre os pais e as nais en Educación Infantil, en virtude da cal en moitos centros non hai nin unha soa hora de docencia en galego nesa etapa ou a súa presenza é anecdótica, e o 12.3. no que se establecía que o alumnado podería usar na aula a lingua da súa preferencia, neste caso porque é contrario ao desenvolvemento da Lei de Normalización Lingüística e ao fomento do uso progresivo do galego.

Louzao subliñou a claridade e contundencia dos argumentos do TSXG. No que ten que ver coa consulta a familiares para determinar a lingua materna predominante, di que o Decreto vulnera a configuración do dereito fundamental á educación posto que os poderes públicos teñen encomendada a programación xeral do ensino, de cuxa potestade a Administración, neste caso educativa non pode abdicar, sometendo a votación un aspecto tan fundamental como a lingua a empregar na etapa de educación infantil, á que a LNL lle dedica especialmente o artigo 13.1 establecendo que “os nenos teñen dereito a recibir o primeiro ensino na súa lingua materna”, encomendando seguidamente ao Goberno galego a adopción das medidas necesaria para facer efectivo este dereito, sen posibilidade de intermediación ningunha dos familiares.

O Secretario Nacional da CIG-Ensino denunciou que con esta consulta, a Consellaría pretendía avalar unha política lingüística “de exterminio do galego” que expulsa o idioma do ensino nunha idade fundamental e nomeadamente en contornos español falantes. Así se puxo de manifesto nun estudo elaborado pola Mesa no que se conclúe que o uso do galego nos centros de Educación Infantil das cidades é inferior ao 4%.  “Trátase o noso idioma peor que unha lingua estranxeira, que si ten establecida unha docencia mínima”, engadiu Louzao ao tempo que lembrou que o galego desaparece por completo das aulas incluso en casos nos que o 40% das familias sinalaron como lingua materna o galego.

Este fallo xudicial vénse sumar ao rexeitamento masivo da sociedade ao Decreto no momento da súa  aprobación, que se concretou en mobilizacións masivas que non tiveran precendente, unha folga xeral no ensino e o posicionamento en contra de entidades como o Consello Consultivo da Xunta de Galiza, a Real Academia Galega, Universidades  ou o Consello Escolar de Galiza.  “Esta sentenza supón unha derrota da política galegofóbica do PP contra a nosa lingua –engade Anxo Louzao, Secretario Nacional da CIG-Ensino-. A sentenza confirma a pretensión da Consellaría de Educación de eliminar o ensino en galego nunha etapa fundamental, o Ensino Infantil, mediante a abdicación da súa responsabilidade de planificar e ordenar o sistema educativo. Deixa en evidencia que o Decreto 79/2010 non só supuxo unha involución e un retraso no campo lexislativo senón que a súa verdadeira intención era a de erradicar o galego do ensino”.

“O TSXG tumba os alicerces nos que se baseaba o propio decreto pensado para a desaparición do idioma, a consulta aos pais e a liberdade de uso de lingua para o alumnado na aula, elementos introducidos no seu día polo PP co obxectivo de reducir a presenza do noso idioma –subliña Anxo Louzao. Por outro lado, é tamén de importancia a interpretación que a sentenza realiza dos apartados 1, 3 e 4 deste artigo 5º, pois establece unha interpretación de acordo coa cal non poderá haber aulas exclusivamente en español e deberán fixarse medidas para a adquisición do galego en contorno castelanizados, interpretación que foi varrida do Decreto 79, permitindo que o alumnado non tivese contacto co noso idioma até a Primaria”.

A sentenza tamén declara ilegal o artigo 12.3 que recollía, en opinión da CIG-Ensino outro aspecto nocivo, o da liberdade do alumnado para expresarse en castelán nas materias de obrigada impartición en galego e que promovía, en palabras de Louzao “insubmisos á normalización do idioma”. A sentenza recolle outras cuestións de interese, por exemplo, cando lle recorda á Administración que non pode eximirse da súa responsabilidade de avaliar o resultado do propio decreto para comprobar se realmente permite tender a un uso progresivo do galego e que a dinamización que se pretende é ilegal senón supón unha verdadeira normalización.

Para a CIG-Ensino a sentenza é un “golpe mortal definitivo” ao Decreto e deixa sen argumentos ao PP polo que  o Goberno da Xunta debería abandonar a política lingüística baseada na mentira e no engano da imposición e tamén na persecución do noso idioma como lingua vehicular, unha política que foi rexeitada socialmente polo profesorado e polo ámbito educativo en xeral. En consecuencia, a CIG-Ensino esixe a inmediata derrogación do Decreto de Plurilingüismo e a conformación dun novo marco legal para a lingua que supoña unha aposta decidida pola normalización lingüística para que o noso idioma sexa tratado como lingua propia de Galiza, e que se paralice a sangría permanente de galego falantes. Para isto debería retomarse como mínimo o Plan Xeral de Normalización aprobado por uninimidade do Parlamento Galego no ano 2004 .

Volver