A CIG-Ensino desmente que o curso comezase con normalidade

O comezo de curso segundo o conselleiro

A CIG-Ensino desmente as declaracións do Conselleiro de Educación quen, na comparecencia de onte no Parlamento, se atreveu a dicir que o curso se iniciara con normalidade. A CIG-Ensino lémbralle que esa non é a realidade, pois o certo é que estamos ante o peor inicio de curso en moitos anos. No mes de setembro a CIG denunciou as múltiples incidencias deste inicio de curso das que o Conselleiro non tomou nota, pois prefere mirar para outro lado e dedicar o seu tempo á propaganda, unha propaganda destinada a ocultar a ineficacia desta Consellaría e a súa aposta polo ensino privado en detrimento do público.

O Conselleiro falou de normalidade no inicio de curso, ocultando que en Primaria o curso comezou o día 10 de setembro sen que todos os centros contasen coa totalidade do profesorado. Na realidade o curso iniciouse con menos profesorado nos centros, necesidades educativas sen atender, 19 centros públicos pechados, 79 unidades menos de Infantil e Primaria, é dicir 108 profesores e profesoras menos. A isto hai que sumarlle a deficiencia na cobertura das baixas, así, este mesmo mes de outubro, denunciabamos que máis de 71 vacantes estaban sen cubrir, constatando que tres delas “desapareceran” da relación de prazas non cubertas, mentres os centros seguían sen o profesorado. A día de hoxe a situación persiste e podemos denunciar que hai centros de Educación Infantil e Primaria que non contan co profesorado que lle corresponde por catálogo, por exemplo centros que tendo tres unidades de infantil non contan cos catro profesores que lles corresponde, senón soamente con tres, polo que o profesorado do centro supera o horario que ten establecido (é o caso do CEIP de Randufe, en Tui). Ao mesmo tempo pódese comprobar na web da Consellaría que hoxe mesmo hai 54 baixas sen cubrir, estando notificadas 11 delas a semana pasada.

En Secundaria o curso comezou con máis de 20 ciclos formativos menos e a eliminación da Ensinanza de adultos en 50 centros, todo isto mentres a Consellaría outorgaba 19 novos concertos a outras tantas unidades de centros privados, entre eles ao colexio Aloia de Vigo, que segrega o seu alumnado en función do sexo. Mentres 676 profesores e profesoras interinos quedaron sen praza, ademais dos funcionarios de diferentes materias que tardaron variso días en recibir destino, moitas veces con varias afíns, ou impartindo materias que non son da súa especialidade.

O Conselleiro di que mantén o seu compromiso na oferta dos servizos complementarios, mais mente de novo, pois oculta que o curso 2009-2010 rematou co peche de comedores escolares, o peche das cociñas e a privatización do servizo a través de caterings, así como a restrición no uso do servizo para o profesorado dos centros.
O Conselleiro de Educación desvívese pola propaganda centrando o seu discurso no proxecto Abalar e na Potenciación das linguas estranxeiras, mais non dá conta de que ambos os proxectos foron postos en marcha para desviar fondos públicos ao ensino privado concertado, sendo superior a porcentaxe de centros concertados destinatarios dos proxectos (reprodúcese no cadro), ou que no caso do Proxecto Abalar non puido ser posto en marcha como correspondería ao non contar os centros coa prometida dotación de ordenadores, co que o proxecto vai salientar polo seu atraso na súa posta en marcha.
 
 
Abalar
Potenciación en linguas estranxeiras
 
Nº de centros
Nº centros destinatarios
porcentaxe
Nº centros destinatarios
porcentaxe
Públicos
1320
537
40,7%
33
2,5%
Concertados
242
156
64,5%
25
10,3%
Para a CIG-Ensino é insultante que o Conselleiro fale na súa comparecencia dunha lei de dignificación e autoridade do profesorado, cando reiteradamente sufrimos o descrédito a que a Consellaría somete aos seus traballadores con declaración ofensivas, con imposicións de circulares non negociadas cos representantes dos traballadores, coa introdución dun modelo de formación que supón unha involución, etc. Ou que presuma do incremento de centros ao PLAMBE sen recoñecer que nada se avanzou en todo o relacionado coas Bibliotecas Escolares, que seguen sen ter recoñecida a figura do coordinador da biblioteca, absolutamente necesaria para o bo desenvolvemento da mesma.
 
E como sempre impera o discurso tendencioso sobre a normalización, un discurso que oculta as dificultades dos centros para aplicar o Decreto 79/2010, amplamente rexeitado, ou como está a incidir na redución da presenza da nosa lingua, especialmente nas aulas de infantil; un discurso que segue a negar que se malgastou o diñeiro na substitución de libros de texto plenamente en vigor, por estaren en galego.
 
A CIG-Ensino reclámalle ao Conselleiro que abandone o afán propagandista e que asuma o seu cometido á fronte da Consellaría de Educación, procurando a calidade do Ensino Público dotando os centros cos recursos e o profesorado necesarios.

Volver