
A CIG-Ensino deplora a actuación do Consello Consultivo no informe sobre o decreto de normalización
Normalización lingüística
A CIG-Ensino deplora a actuación do Consello Consultivo no informe
sobre o decreto de normalización.
A CIG-Ensino valora que estamos diante dunha grave actuación do
Consello Consultivo no relativo ao Decreto de Normalización Lingüística. Malia
corresponderlle a este organismo informar sobre este Decreto, resulta inédito
que entre en determinado tipo de valoracións sobre un documento que ten por
único obxecto dotarnos de ferramentas para avanzar no proceso de normalización
nos centros escolares, e que queira pór en entredito este avance, realizando un
informe negativo, cando, ao noso entender, non se enumera un número suficiente
de argumentos para chegar a esa conclusión.
Para a CIG-Ensino, o Consello Consultivo busca o seu propio
protagonismo e publicidade posicionándose subxectivamente sobre un documento
consensuado coas organizacións políticas representadas no Parlamento galego, e
que, por tanto, representan a cidadanía galega.
Entendemos como absolutamente fóra de lugar que este organismo poña
en tea de xuízo un Decreto de normalización que só fixa unha presenza do 50%
para o noso idioma propio, o que recoñece que é conforme á legalidade, sen
ponderar debidamente que este Decreto emana de e pon en práctica o Plan Xeral de
Normalización aprobado por unanimidade do Parlamento galego en 2004.
Lamentamos que un órgano consultivo adopte unha posición coma esta,
cando o que está en xogo é a normalización do único idioma propio de Galiza,
idioma de cultura da Península e medio de comunicación privilexiado con Europa,
postergado e negado durante 600 anos como consecuencia dunha política de
asimilación centralista. Porén, o Consello Consultivo mostra preocupación pola
presenza do español e porque non sexa desprazado polo galego, algo que, despois
de vinte e catro anos de Lei de Normalización, evidénciase como
imposíbel.