A CIG-Ensino denunciou nunha nova mobilización a actuación represiva e irresponsable da Xunta polos despedimentos do profesorado CELGA

O profesorado CELGA volveu exixir a dimisión do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García

A CIG-Ensino volveuse concentrar este martes 29 de abril co profesorado CELGA para denunciar a actitude represiva e irregular da Secretaría Xeral de Política Lingüística que despediu a estes traballadores e traballadoras, despois de denunciar a súa situación laboral diante da Inspección de Traballo.

A concentración de hoxe diante da  Secretaría Xeral de Política Lingüística, en Santiago,  súmase ás mobilizacións e actuacións realizadas pola CIG e encamiñadas ao recoñecemento dos dereitos laborais do profesorado colaborador que impartía os cursos CELGA e/ou de Linguaxes Específicas. A día de hoxe as Inspeccións de Traballo da Coruña, Lugo e Ourense -a falta de que se pronuncie a de Pontevedra- xa determinaron a existencia de relación laboral  entre este profesorado e a Xunta e a obriga de dalos de alta na Seguridade Social polo tempo traballado.

“O comportamento da Secretaría Xeral de Política Lingüística en relación ao profesorado CELGA é un ataque máis ao noso idioma xa que o que pretende é reducir ao mínimo a formación da cidadanía galega para un uso e coñecemento correcto do idioma propio. Por iso non ten inconveniente en despedir ao profesorado que viña impartindo os cursos, aínda que isto supoña que dos 78 cursos previstos só se están impartindo 69”, explica Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-ENSINO.

A través da CIG-Ensino están canalizadas un número importante de reclamacións previas ás demandas por despido nulo. Ademais a Tesourería da Seguridade Social vai presentar tamén nos próximos días demandas de oficio no Xulgado do Social para que determine a relación laboral entre o profesorado CELGA  e a Xunta.

Por outra parte a CIG-Ensino personouse no procedemento aberto polo recurso presentado pola Consellaría de Educación en contra da resolución da Inspección de Traballo diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.

A CIG-Ensino denuncia que a Secretaría Xeral de Política Lingüística ten previsto actuar para as avaliacións do mesmo xeito que cos cursos, ofrecendo este traballo como horas extras a traballadores en activo. A CIG-Ensino esixe que as avaliacións dos cursos CELGA as faga o profesorado colaborador e non en activo. “Denunciamos a actuación escurantista –engade Louzao-  xa que non se coñece ningún tipo de criterio público para seleccionar o profesorado que imparte os cursos e para aquel que vai avaliar as probas CELGA”.

As mobilizacións continuarán nas próximas semanas cunha representación simbólica na rúa dunha aula dun curso CELGA, unha recollida de sinaturas de apoio a este profesorado e concentracións diante dos lugares nos que se realicen avaliacións para a certificación dos CELGAS, entre outras.

Volver