A CIG-Ensino denunciará xudicialmente a Xunta se prorroga os concertos cos centros que segregan o alumnado por xénero

Agarda que se a Consellaría de Educación desatende o que recolle a LOMLOE a este respecto a Avogacía do Estado tamén actúe contundentemente.

Despois de que coa LOMCE o goberno de Rajoy blindara os concertos aos centros do Opus Dei que aínda segregan o alumnado por xénero e que non se puideran aplicar as sentenzas gañadas previamente pola CIG-Ensino tanto no TSXG como no Tribunal Supremo, o sindicato maioritario no ensino público en Galiza considera preocupantes as declaracións do presidente Rueda de que “esperarán á interpretación axeitada da LOMLOE” para seguir ou non financiando o vindeiro curso os 5 centros deste tipo nos que non se respecta a igualdade e a coeducación.

A CIG-Ensino manterase vixilante e actuará xudicialmente, se é necesario, se a Consellaría de Educación lles renova os concertos aos cinco centros propiedade da patronal integrista do OPUS que aínda separan o alumnado por cuestións de xénero no noso país e que, polo tanto, están a incumprir non só a LOMLOE senón a legalidade vixente en materia de igualdade. A alerta vén despois de que o presidente Rueda, que ten que decidir a continuidade o vindeiro curso dos concertos educativos, acaba de manifestar publicamente que esperará “a interpretación axeitada da normativa” antes de decidir se continúa financiando con fondos públicos estes centros (Montespiño e Peñarredonda na Coruña e Las Acacias, Montecastelo e Aloya en Vigo). 

Desde a CIG-Ensino manteremos unha posición totalmente belixerante neste asunto, tal e como afirma o seu secretario nacional, Suso Bermello. “Non hai interpretación posíbel porque en setembro de 2023 a LOMLOE estará en vigor e nela recóllese expresamente que os centros sostidos parcial ou totalmente con fondos públicos non separarán o alumnado polo seu xénero”. “Con independencia de que o sindicato está en contra da pervivencia do ensino concertado e de que seguiremos loitando porque toda a oferta educativa en todas as etapas sexa 100% pública, o que non imos consentir é que se vulnere a legalidade por beneficiar a quen sabemos que mantén lazos moi estreitos co goberno do Partido Popular. Neste sentido xa gañamos en dúas ocasións dúas sentenzas no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza e no Tribunal Superior cando o goberno de Feijóo nada máis chegar ao poder renovou os concertos con este tipo de centros, mais a aprobación da LOMCE posteriormente por parte de Rajoy fixo que nunca se aplicaran e que puideran manter o financiamento todos estes anos . Nestes momentos velaremos porque un dos aspectos positivos que ten a nova Lei educativa se cumpra, á vez que manteremos as nosas demandas históricas de que a relixión quede fóra das aulas, se elimine o ensino concertado e se faga unha aposta decidida pola coeducación e a igualdade, non só de xénero, senón de orientación sexual, en todos os ámbitos do ensino”, sentencia.

Volver