A CIG-Ensino denunciará na Audiencia Nacional as táboas salariais de 2020 do XII convenio estatal de centros de asistencia e educación infantil

As patronais do sector néganse a adaptar as táboas salariais de 2020 ao Salario Mínimo Interprofesional (SMI) amosando unha grande irresponsabilidade e provocación ante as traballadoras/es da etapa 0-3

Logo de acadarmos dende a CIG-Ensino a convocatoria da mesa de negociación do XII convenio de infantil para negociar as adaptacións legais das táboas salariais de 2020 ao SMI (R.D. Lei 231/20) das categorías que están cobrando por debaixo dos 950€, tal e como recolle a disposición final 4ª do convenio, puidemos comprobar unha vez máis a falta de negociación real nestas mesas estatais.

As patronais do sector amosaron nas dúas mesas de negociación, celebradas o 13 e 30 de novembro, unha grande irresponsabilidade e provocación ante as traballadoras/es, ao negárense tanto a negociar como a adaptar simplemente as táboas salariais ao SMI tal e como recolle a Lei e o propio convenio que eles mesmos asinaron. É inaudito que chamen a incumprir a norma.

A proposta da patronal foi que apareza nas táboas salariais o seguinte: "En cumprimento do estabelecido no Real Decreto 231/2020 do 4 de febreiro, polo que se fixa o salario mínimo interprofesional para 2020, a retribución total anual a xornada completa non poderá ser inferior a 13.300€, é dicir, non poden aceptar que o salario das táboas, sexa igual ao SMI e menos máis un diferencial”. Isto o  que quere dicir é que manteñen as táboas actuais, tal cal están, e que o acordado do CPP (trienios ou antigüidade) que non é absorbible no convenio, se reconsidere e aplique como complemento ao salario mínimo e se poida absorber. Deste xeito só terían que complementar e pagar os 950€ a quen acabe de comezar ou non teña aínda CPP (pasando a cobrar Educadoras o mesmo que Pas ou incluso menos). Fan unha proposta involutiva e regresiva na liña do que xa conseguiran no ano 2012, ao lograr que “todos os sindicatos estatais asinantes” lle permitiran conxelar as táboas salariais de 2012 a 2016, no canto de aplicar o IPC do ano anterior, como recollía o convenio asinado un ano antes. 

A proposta social nin foi valorada pola patronal. Esta consistía en equiparar todas as táboas salariais do convenio, dignificando os salarios e coa máxima de que a igual traballo igual salario, propondo 1000€ para os PAS (administración e servizos) e 1100€ para as Educadoras. Incluso obviaron aos asinantes do convenio actual, que propuxeron aplicar o SMI ao PAS e ás Educadoras manter o diferencial co PAS que lograron no convenio asinado, pois non podían aceptar igualar os salarios das dúas categorías a 950€, ao que xa obriga a lei e moito menos o de poder absorber o CPP, por inaceptable e retroceder sobre o asinado fai un ano. Esperemos non haxa marcha atrás!!! 

Dende a CIG-Ensino manifestamos o despropósito destas mesas, pois para propor iso sobraban. Non entendemos tampouco a actitude irresponsable e provocadora da patronal. Irresponsable porque levará a procesos xudiciais e denuncias das traballadoras ás empresas; e provocadora porque as traballadoras xa se manifestaron contra este convenio e o que nos din as que representamos nós en Galicia é que só lles queda responder a este desprezo con presión social se non se recoñece o mínimo que lles pertence. Con isto queremos dicir que a crispación neste sector será un feito e dende a CIG-Ensino fixemos un chamamento a toda a parte social á mobilización ante esta actitude impositiva da patronal. O silencio das demais OO.SS foi total e incluso nunha segunda interpelación quedamos de novo sós. Rematamos dicindo: “Tal e como dixemos no escrito á paritaria, para que se cumpra coa Lei e o convenio na adaptación das táboas ao SMI, a CIG-Ensino denunciará na Audiencia Nacional.”

Por se non fose suficiente esta postura intransixente das patronais, saen cun 2º punto a tratar, que consiste en que debemos dirixir un “escrito conxunto” á Ministra de Educación para solicitar unha mesa negociadora tripartita (administración, patronais e sindicatos), dado que as administracións non reaccionaron ao escrito conxunto presentado en xuño e en outubro pedindo axuda para o sector e que se teña en conta no que axudas económicas e subvencións se refire para evitar peches e perdas de emprego. Ou sexa que a propia patronal non cumpre o acordado e a propia Lei e pide que cumpra a administración? Aínda así, o máis indignante foi que o resto da parte social decidiu asinalo sen facer nin unha soa emenda ao texto presentado e sen sequera respostar ao que acababa de acontecer.

Dende a CIG-Ensino opuxémonos asinar este escrito, a negocialo e a defender emendas, como resposta rebelde ao acontecido e por coherencia pois non asinamos os anteriores escritos, por non recoller dereitos para as traballadoras/es e un compromiso de adaptar táboas.

CALES SON OS PASOS A DAR AGORA EN CADA CENTRO DE TRABALLO OU POR CADA TRABALLADORA OU TRABALLADOR AFECTADA/O?

Nos vosos centros tedes que reclamar o que vos corresponde por Lei e convenio que    son os 950€ de salario (ou parte proporcional as que teñan xornada parcial) todas as    que estabades cobrando por debaixo do SMI dende xaneiro deste 2020

Onde teñamos a representación sindical a CIG-Ensino xa o xestionamos nós coa delegada/o sindical e para todas as que esteades nesta situación. 

Se non acceden as empresas a recoñecelo e aboalo antes de xaneiro de 2021, vista a actitude das súas patronais maioritarias, teredes que demandar cada unha facendo unha reclamación de cantidades. A afiliación da CIG-Ensino só terá que pedir cita na asesoría para presentar a demanda correspondente, agora onde teñamos representación sindical tamén o xestionamos nós coa delegada e para todas as implicadas. Para evitar non perder atrasos (só hai dereito a reclamar un ano cara atrás máximo) debe facerse antes de rematar xaneiro de 2021. 

A CIG-Ensino vai presentar unha demanda na AUDIENCIA NACIONAL, e cando esta resolva coa obriga de adaptar todos os salarios ao SMI (950€), volveranse a activar prazos de reclamación dos atrasos, pero isto pode tardar moito. O adaptar estes salarios por sentenza da AN non é imperativo de ter que pagalos as empresas ou facelo de oficio, pois se manteñen esta actitude hai que demandar igual, sendo o novo prazo dun ano dende saír a sentenza. Deste xeito as empresas gañan tempo para aboalo, que é a finalidade que buscan as patronais con esta actitude de non adaptar e publicar agora as táboas salariais “legais e actuais”.

 

 

CIG Informa sobre a denuncia na Audiencia Nacional das táboas salariais de 2020 do convenio de infantil

Documento


Volver