
A CIG-ENSINO denuncia unha vez máis a ineficacia da Consellaría na posta en marcha do Proxecto Abalar
ABALAR: un cúmulo de despropósitos que deixou claro, unha vez máis, a ineficacia e o desgoberno da Consellaría de Educación
Desde o inicio de curso, a CIG-Ensino veu denunciando que o proxecto non sería o que se estaba a vender nos medios de comunicación, e cumpríronse as peores expectativas:
- O material informático chegou tarde aos centros, non se cumpriron os prazos previstos.
- A formación realizouse varios meses despois do establecido, con imposicións non negociadas e inadmisíbeis. A CIG-Ensino fíxose eco, no seu día, da denuncia do profesorado que consideraba excesivo o número de horas de formación e que non se tivera en conta se o profesorado tiña formación previa validábel para o proxecto. Denunciabamos tamén a incongruencia de que os coordinadores/as, responsábeis da formación do profesorado, estivesen recibindo formación ao mesmo tempo que as persoas ás que teñen que formar e que deberían ter sido formados completamente con carácter previo. Igualmente denunciabamos a escasa adecuación dalgúns dos contidos propostos, ou que nalgunhas fases de formación o tempo asignado á avaliación é insuficiente. No seu día, a CIG-Ensino xa esixiu que non se impuxesen xornadas de duración ilegal coa pretensión de gañar o tempo perdido pola Consellaría e reclamamos que a formación debía realizarse en horario lectivo, ou compensarse con descontos horarios, ademais de que debía valorarse como formación nos concursos en que a formación computa.
- A CIG-Ensino denunciou xa ante a Consellaría que a improvisación e a precipitación coa que se está levando o proxecto Abalar tivo xa como consecuencia o abandono do mantemento das TIC nos centros. Temos constancia de que, neste momento, a planificación do traballo dos coordinadores e coordinadoras TIC nos centros de ensino, para o vindeiro curso, non se iniciou o que dará pé a que no vindeiro curso esteamos outra vez ante un escenario de improvisación e desorde.
- En todo o proceso, houbo ausencia de información para o profesorado e para os centros que se queixaron de que non se lles resolvían as dúbidas presentadas á Administración.
- Respecto dos materiais pedagóxicos, a CIG-Ensino denunciou que unha parte importante dos materiais estaba en español, mesmo en materias que están fixadas para seren impartidas en galego, onde nalgúns casos chegaban a superar os materiais na nosa lingua, iso sen entrar a valorar a súa adecuación pedagóxica.
- A CIG-Ensino denunciou que non estivesen orzamentados a totalidade dos gastos e así, que houbese coordinadores/as aos que se lles informou de que non se lles ía aboar a totalidade dos gastos realizados por mor da impartición da formación.
- A CIG-Ensino tamén denunciou que o proxecto foi empregado para desviar fondos á privada.
En definitiva, un cúmulo de despropósitos que deixou claro, unha vez máis, a ineficacia e o desgoberno da Consellaría de Educación.
A CIG-Ensino volve trasladarlle á Consellaría de Educación que non aceptará que o profesorado sexa quen pague as deficiencias da posta en marcha deste programa.
Por todo isto, a CIG-Ensino esixe, de novo, da Consellaría de Educación que recapacite e que exerza como tal, atendendo as demandas que o profesorado e os centros lle veñen facendo, sen descargar neles a irresponsabilidade da propia Administración.