A CIG-Ensino denuncia un novo recorte no Fondo de Acción Social e esixe a recuperación dos dereitos perdidos nos últimos anos.

Información da Mesa de Negociación dos criterios de reparto do FAS

A CIG-Ensino denuncia que a Xunta nin sequera estea disposta a blindar a escasa contía que asigna ao Fondo de Acción Social, ao no garantir que se manteña a contía global se as solicitudes son inferiores ao fondos destinados.

Na proposta de criterios de reparto do FAS 2015 presentada pola Dirección Xeral de Función Pública repítese un ano máis o feito de que a única modalidade existente é a da axuda a persoas con discapacidade, desvirtuando por completo o que o FAS veu sendo historicamente, malia a súa coñecida incapacidade para facer fronte ao que un verdadeiro fondo de acción social debería facer. A posición da CIG ao respecto do FAS é a mesma que a dos catro anos anteriores, dun total rexeitamento á proposta da Xunta de Galiza, toda vez que o persoal da Xunta ve reducida por quinto ano consecutivo unha partida adicada á acción social que supera os 7 millóns de euros por anualidade, achegándonos xa a unha perda de 35 millóns de euros nestes catro exercicios. Desde a CIG non renunciamos á recuperación das axudas por estudos, as de fillos menores, a de estudos de fillos, adquisición de vivenda, etc…

Neste ano a Xunta introduce un novo recorte, xa que malia que conxela un ano máis a contía total de posíbel reparto do FAS (2.000.000€), nesta ocasión retira unha partida que todos os anos se recollía para facer fronte a posíbeis reclamacións ou pago de axudas de anos anteriores. Neste caso, ao respecto do ano pasado, o recorte é de 136.392,00€. Isto supón un posíbel recorte dun 6,81% no caso de que haxa que retirar da partida única dos dous millóns de euros pagamentos por reclamacións ou pagos de exercicios anteriores.

A CIG, polo tanto, xa anunciou quen non vai apoiar a proposta da Xunta para o reparto do mal chamado Fondo de Acción Social.

A Xunta comprometeu, en resposta a unha demanda da CIG, a mellorar a redacción do apartado 1.2.A para que fique claro que está incluído no ámbito de aplicación do FAS todo o persoal laboral ou funcionario destinado nas diferentes Axencias adaptadas á LOFAXGA. 

A Xunta non garante a blindaxe da contía total orzamentada. 

Tendo en conta o restritivo das axudas, chama poderosamente a atención que a Xunta nin sequera estea disposta a blindar a contía total orzamentada (2 millóns de euros). Así, se o total das axudas solicitadas fose inferior a esta contía, reduciríase o gasto total. Fronte a isto a CIG propuxo, un ano máis, que un cambio na redacción da Norma Específica 1.2. podería mellorar, co caso de que a partida disposta fose superior ao solicitado, as axudas individuais, respectando os criterios de reparto tanto en función do grao de discapacidade como nas rendas familiares. 

Obviamente esta posíbel mellora no texto non variaría a posición negativa da CIG á proposta presentada pola Administración logo da drástica redución dos fondos destinados á Acción Social do persoal empregado da Xunta de Galiza nos últimos cinco anos. 

A publicación no DOG, en breve. 

Sen concretar datas, a Xunta informou que teñen previsto publicar a convocatoria canto antes no DOG. Os prazos para as xestións das solicitudes son as seguintes: 

Prazo para cubrir na web as solicitudes e para presentalas unha vez impresas na dirección do centro docente.

20 días hábiles desde o día da publicación no DOG

Prazo das direccións dos centros para entregar as solicitudes conformadas, completadas e asinadas ás persoas solicitantes

15 días hábiles seguintes

Prazo para presentar nos rexistros públicos as solicitudes e a documentación correspondente por parte dos solicitantes

15 días hábiles seguintes

Volver