
A CIG-Ensino denuncia que Xunta de Galiza volve favorecer ao ensino concertado fronte ao ensino público
O goberno do partido popular destinará ao programa Proa+ para os centros concertados máis dun millón de euros neste curso e no seguinte
O pasado 16 de setembro desde a CIG-Ensino denunciamos que a Consellaría non abría o programa Proa+ a novas necesidades dos centros, que só contempla a prórroga cos centros que contaron con profesorado PROA no curso pasado sen ter en conta as novas necesidades de atención educativa que puideran aparecer nos centros públicos galegos.
A sorpresa que nos atopamos hoxe no DOG é maiúscula, posto que nos atopamos coa ORDE do 23 de setembro de 2022 pola que se regula o réxime de axudas a centros privados concertados para a contratación de profesorado de apoio e reforzo PROA+, na que de novo a Consellaría fai mostra dun dos seus axiomas: “non temos cartos para o ensino público pero si para o privado”.
Desde o sindicato volvemos insistir en que as necesidades de atención educativa se cubran con ampliación dos cadros de persoal, e non con parches, pero o que non é de recibo é que se dote ao ensino privado de axudas que se recortan no ensino público.
O descontrol deste goberno é tal que os centros públicos aos que se lles prorrogou o profesorado Proa está recibindo estes días ao profesorado sen aviso previo por parte da Consellaría e polo tanto sen horario para o novo persoal.
Desde a CIG-Ensino instamos á administración a rectificar na súa política a favor do ensino privado e que destine estes 1.287.332 Euros a cubrir carencias no ensino público galego.
Novas relacionadas