
A CIG-ENSINO denuncia que se inicia o trimestre con novos recortes no ensino público que afectan directamente ao alumnado
A Consellaría de Educación reinicia as aulas coa ausencia de 138 docentes que poderían estar debidamente substituídos, pois foron baixas comunicadas con antelación ao 5 de xaneiro
A situación queda resumida no seguinte cadro:
| Baixas sen cubrir o día 9 de xaneiro | Baixas sen cubrir o día 10 |
Secundaria | 86 | 59 |
FP | 9 | 8 |
Escolas Oficiais de Idiomas | 5 | 1 |
Conservatorios e Artes escénicas | 9 | 3 |
Infantil e Primaria | 178 | 192 |
Total de baixas sen cubrir | 287 | 263 |
Das 263 baixas que hoxe seguen sen estar cubertas, 20 son de máis de tres meses e 71 teñen unha duración do que resta do curso escolar, das que 64 son os programas PROA maioritariamente a media xornada.
Especialmente grave é que aínda hoxe siga sen estar cuberta a baixa de percusión, reclamada polo CMUS Superior da Coruña desde o día 20 de outubro, cando na listaxe desta especialidade hai profesorado sen traballo. Tamén seguen sen cubrirse aínda unha praza de Primaria no CEIP de Domaio, Moaña, desde o 29 de novembro e outra de Canto no CMUS de Vigo comunicada o 30 de novembro. Excepción feita dos programas PROA, seguen sen cubrirse 13 baixas comunicadas en 2011 e 19 comunicadas entre os días 2 e 4 de xaneiro, para o que non hai ningún tipo de xustificación.
Para a CIG-Ensino estes datos que estamos denunciando poñen en evidencia a política de recortes no ensino público desta Consellaría e a súa despreocupación pola boa marcha do ensino público. Como sinalamos ao inicio, unha parte importante destas baixas podería estar cuberta xa onte, ao reinicio das aulas, pois foron comunicadas antes do día 4 de xaneiro, maioritariamente antes de finalizar decembro, mais a Consellaría atrasa a cobertura das vacantes, agardando que así desaparezan, ou facéndoas desaparecer, como xa ten acontecido, o que foi denunciado publicamente pola CIG-Ensino. A CIG-Ensino esixe a cobertura inmediata destas baixas.