A CIG-ENSINO denuncia que se incrementan nun 30% os postos de traballo en que hai que impartir afíns na Adxudicación Definitiva de Secundaria
A CIG-Ensino denuncia tamén que segue sen se lle adxudicar destino á totalidade dos funcionarios de carreira en expectativa de destino
Por outro lado, cómpre denunciar que un ano máis hai funcionarios de carreira en expectativa de destino que on obteñen praza. Funcionarios e funcionarias de carreira que teñen que ter obrigatoriamente un destino e non o obtiveron na adxudicación definitiva, a pesar de que en moitos casos hai docentes nesta situación que foron colocados de oficio en especialidades das que non son titulares.
Aínda que na adxudicación definitiva deste ano se incrementa o número de docentes aos que se lles adxudica destino, 3240 profesores e profesoras, se consideramos que non houbo oferta de emprego público, que se produciron centos de xubilacións ou que se incrementou o número de profesores desprazados, debemos concluír que estamos ante unha adxudicación que consolida os recortes de profesorado e non atende as demandas e as necesidades dos centros, ademais de manter no desemprego a moito profesorado interino que vén prestando servizos en Educación desde hai varios anos.
A CIG-Ensino esixe que se atendan as necesidades dos centros e que se doten do profesorado necesario para manter a calidade do ensino e evitar a masificación das aulas.