A CIG-Ensino denuncia que o rexeitamento do PP á ILP de Preescolar na Casa só se explica desde un punto de vista ideolóxico

O PP votou en contra no Parlamento galego da iniciativa coa que se pretendía darlle continuidade ao programa

O pleno do Parlamento galego rexeitou hoxe co voto en contra do PP a Iniciativa Lexislativa Popular para a confluencia de Preescolar na Casa e o ensino público galego. Para a CIG-Ensino, que formou parte da Comisión promotora da ILP, esta decisión só pode explicarse desde punto de vista ideolóxico e político xa que o seu custo é insignificante, inferior ao 0,2% do que a Consellaría de Educación destina ao ensino privado concertado.

“O acontecido hoxe no pleno do Parlamento galego evidencia que o PP non só liquidou o Programa Preescolar na Casa senón que ademais non está disposto a rectificar”, explica Anxo Louzao, Secretario Nacional da CIG-Ensino, que denuncia que esta decisión só se pode explicar desde un punto de vista ideolóxico e político. A desaparición de Preescolar na Casa supón a perda dun servizo que chegaba a máis de 6.000 familias fundamentalmente do ámbito rural, nunha etapa educativa fundamental de 0 a 3 anos e desde unha perspectiva galega e tamén o despedimento de 32 traballadores/as.

No debate do Pleno, a portavoz da Comisión promotora da ILP e extraballadora do programa,  Manuela Inés Novo Gómez, lembrou que o proxecto Preescolar na Casa naceu hai 35 anos, no 1977, impulsado por D. Antonio Gandoy, como unha acción educativa que partía da experiencia da vida cotiá no propio contorno físico e social e que tiña como o obxectivo  responder as necesidades educativas da familia e da sociedade. Novo referiuse a Preescolar na Casa como unha “experiencia pedagóxica revolucionaria” onde os protagonistas principais foron por primeira vez as nais, pais, nenas e nenos conxuntamente. “Un programa –dixo- que dende os seus comezos tivo claro que o respecto pola nosa cultura e a pola nosa lingua tiña que ser un dos seus trazos definitorios”.

Tamén lembrou que o programa de Preescolar na Casa está ser defendido nos últimos meses dende todo tipo de ámbitos, tanto puramente educativos como da sociedade en xeral. E denunciou que a súa desaparición implica perder un programa: orixinal, pioneiro, vertebrador do territorio, referente, recoñecido internacionalmente, e, sobre todo, cen por cen galego, do país, deseñado expresamente por e para Galiza.

Podes descargar desde esta ligazón a intervención completa no Pleno da portavoz da Comisión Promotora da  ILP

LIgazón á ILP para a confluencia do programa Prescolar na Casa e o ensino público galego.

Volver