A CIG-Ensino denuncia que o profesorado contratado como reforzo Covid no ensino concertado está discriminado salarialmente

Este persoal docente non está dentro do pago delegado, o que na práctica implica que non cobre o complemento autonómico.

A partida que vai destinar a Xunta a 228 centros concertados do País ascende a 7,2 millóns de euros e destinarase tanto a contratación de persoal como a gastos de material de protección e a adaptación dos espazos.

O pasado mércores tivo lugar unha reunión tripartita do ensino privado concertado en Galiza na que se abordou a Orde de subvencións a centros docentes privados concertados, relativa aos gastos de organización e funcionamento no curso 20/21, derivados da Covid-19, que foi ratificada onte polo Consello da Xunta e se publicará, previsiblemente, a próxima semana no DOG. 

A partida aprobada ascende a 7.250.011 euros que se destinarán a 228 centros do País para sufragar tanto a contratación de profesorado por reforzo durante a pandemia como para comprar material de protección (máscaras, xeles, pantallas…) e anteparos. Neste sentido ao alumnado que reciba axudas de libros e material entregaránselle automaticamente e o resto, se reúne o requisito de renda, terá que solicitalas. 

Discriminación salarial 

En canto ao que ten que ver coas condicións laborais do persoal contratado como reforzo para realizar desdobres, a CIG-Ensino amosouse moi crítica co feito de que vaia estar discriminado. Neste sentido reclamamos que o pago sexa delegado, pola seguridade e tranquilidade do propio colectivo docente, e que reciban as mesmas prestacións económicas que o resto de profesorado do ensino concertado. O seu  salario calcularase polas táboas salariais actuais, sen o complemento autonómico, por 9 meses e 8 días e con extras e vacacións incluídas (30.850,47€/ano). 

Así mesmo, a CIG-Ensino tamén botou en falta unha negociación sobre a xestión da Consellaría no que ten que  ver coa seguridade nas aulas fronte á Covid. Distancia social, material de protección necesario en infantil, traballadoras/es vulnerábeis, permisos por corentenas ou por coidados, regulación do teletraballo… calquera modificación das condicións de traballo deben negociarse e sen embargo nada diso se tratou porque o formato destas mesas sempre é meramente informativo. 

Desde a CIG-Ensino puxemos sobre a mesa estes asuntos e tamén outros que son as principais reclamacións dos traballadores e traballadoras nos últimos anos, como o AME, o Acordo de Mantemento do Emprego, moi necesario neste momento para recuperar empregos e tirar de experiencia contrastada; a PEA, a paga extra de antigüidade que as traballadoras/es levan sen cobrar dende 2010; o complemento de dinamización lingüística que non cobran na concertada e a recuperación dos recortes salariais e de dereitos laborais (xubilación anticipada, contratos relevo,...) Unha vez máis, a administración negouse en banda a abordar calquera destas cuestións.

Volver