A CIG-Ensino denuncia que o curso se inicia sen que os centros conten co profesorado necesario

Nota de Prensa 10 de setembro

Primeiro foi a supresión de numerosas unidades e agora a non cobertura dos postos existentes A CIG Ensino denuncia que o curso se inicia en Primaria e Infantil este venres día 10 sen que moitos centros conten con todo o profesorado que precisan.
 
CIG-Ensino denuncia que o curso se inicia sen que os centros conten co profesorado necesario
 
Primeiro foi a supresión de numerosas unidades e agora a non cobertura dos postos existentes
 
A CIG Ensino denuncia que o curso se inicia en Primaria e Infantil este venres día 10 sen que moitos centros conten con todo o profesorado que precisan
 
Esta mesma semana a CIG-Ensino denunciaba en roda de prensa que a Consellaría desatendía o ensino público. O Secretario Nacional da CIG-Ensino declaraba que “Este curso iníciase con menos profesorado nos centros, necesidades educativas sen atender, 19 centros públicos pechados, 79 unidades menos de Infantil e Primaria, o que supón 108 profesores e profesoras menos, máis de 20 ciclos formativos menos e eliminación da Ensinanza de adultos en 50 centros, todo isto mentres a Consellaría outorga 19 novos concertos a outras tantas unidades de centros privados, entre eles ao colexio Aloia de Vigo, que segrega o seu alumnado en función do sexo”. Pois ben, a esta situación súmase agora a constatación de que a totalidade dos centros non conta con todo o profesorado, pois non se lle adxudicou o profesorado necesario, ademais de que as substitucións non será cubertas a semana que vén.
 
Neste momento, moitos centros seguen a reclamar o profesorado que precisan, pois iniciado o curso non contan con todo o profesorado de Infantil ou Primaria, ademais da falta de especialistas. Isto conleva que os centros teñan que comezar o curso de xeito provisional con horarios que terán que ser modificados cando Educación atenda as demandas dos centros, o que está a sobrecargar de traballo ás direccións.
 
As peticións foron realizadas polos centros en tempo e forma, porén a Consellaría non atendeu as peticións realizadas. Hai varios centros en que lles faltan dous profesores: por exemplo CEIP Campoamor de Ordes, CEIP de Cervo en Lugo, CEIP de Tirán en Moaña, CPI Suárez Marquier no Rosal, ademais dun número moito maior de centros aos que lles falta un profesor ou profesora, mentres preto de 50 profesores e profesoras interinos de Primaria que traballaron desde o primeiro día do curso o pasado ano, non obtiveron praza até o de hoxe. Ademais está o caso do profesorado asignado aos centros para atender as necesidades educativas que este ano non foi asignado, así moitas prazas de Audición e Linguaxe en Pontevedra.
 
Esta situación súmase aos recortes de unidades realizados este ano e tamén o ano anterior, unidades para as que se reclamou a reapertura por ser absolutamente necesarias e estar en funcionamento, mais que a Consellaría segue sen catalogar nin dotar co profesorado necesario, dando lugar a que haxa centros en que o profesorado ten que superar o horario lectivo e de permanencia que está fixado para estas etapas. Ademais a Consellaría mantén en funcionamento unidades que superan as rateos que ela mesma fixou para os casos en que haxa alumnado de distintas idades, mesmo cando, no mesmo Concello, xa foi suprimido un centro escolar.
 
Ademais da falta de profesorado o inicio de curso en Infantil e Primaria, amosa as seguintes carencias:
  • A diminución da presenza do noso idioma no ensino, nomeadamente en Educación Infantil, por mor da aplicación do Decreto 79, promulgado para reducir a presenza do noso idioma no ensino.
  • A eliminación da gratuidade dos libros de texto e o malgasto na substitución de libros de texto en vigor por estar en galego.
  • A eliminación da xornada reducida en horario matinal, que segue sendo unha demanda dos centros.
  • A redución das prazas en comedores e a privatización do servizo, así como a modificación que impede que o profesorado poida comer no comedor dos centros.
  • A ausencia de administrativos na inmensa maioría dos centros de Infantil e Primaria.
  • A imposición dos horarios dos centros polas empresas do transporte escolar.
  • A existencia de unidades cun número elevado de alumnos e alumnas de diferentes niveis educativos.
  • Centros que non contan nin con patio cuberto ou biblioteca ou salón de actos, que aínda están en obras, etc.
  • A improvisación na posta en marcha de proxectos como Abalar
 
Cantos ás prazas adxudicadas, das 1802 prazas adxudicadas o 26,75% son itinerantes ou con afíns, ver no seguinte cadro:
Tipoloxía das prazas (non das adxudicacións)
Número
% sobre o total
Total prazas adxudicadas
1.802
100,00
Ordinarias
1.320
73,25
Itinerantes
255
14,15
Afíns
175
9,70
Itinerantes e afíns
52
2,88
Total prazas non ordinarias
482
26,75
 
 
Respecto das prazas adxudicadas aos funcionarios en prácticas, comprobamos que a 208 profesores da especialidade de Primaria, só tres obtiveron destino pola súa especialidade, como podemos ver no cadro seguinte:
 
31 EI
32 FI
33 FF
34 EF
35 EM
36 PT
37 AL
38 EP
60 PT
61 PT
39 DO
TOTAL
79
5
16
44
12
13
15
3
5
4
12
208
 
A CIG-Ensino esixe que a Consellaría, con carácter de urxencia, cubra todas as prazas demandas polos centros e regularice así o funcionamento normal dos centros. A CIG reclámalle a Xesús Vázquez que non estea tan pendente da propaganda, vendendo fume co proxecto Abalar, ou querendo chamar mentireiros aos que lle lembramos as súas obrigas, e que asuma dunha vez por todas as súas responsabilidades. Saiba o señor Conselleiro que a comunidade educativa sabe perfectamente que o inicio de curso non é tan tranquilo como pretende facer ver, pois as necesidades están á vista de todos e todas.

Volver