A CIG-Ensino denuncia que o cuestinario para as familias con fill@s en Infantil vai dar lugar ao incumprimento dos dereitos lingüísticos do alumnado que se pode ver privado do uso da nosa lingua
Lingua Materna
O procedemento arbitrado pola Consellaría non só é contrario a dereito (como así ditaminou o Consello Consultivo) senón que é contrario a calquera exame científico, pois non se pode considerar como lingua materna predominante “aquela que obteña un resultado maioritario entre as familias”, a lingua predominante entre o alumnado non pode ser o resultado dunha votación, senón a conclusión dunha análise demorada da situación sociolingüística do contorno do centro, labor que o profesorado veu realizando até o de agora.
A CIG-ENSINO DENUNCIA QUE O CUESTIONARIO PARA AS FAMILIAS CON FILLAS E FILLOS EN INFANTIL VAI DAR LUGAR AO INCUMPRIMENTO DOS DEREITOS LINGÜÍSTICOS DO ALUMNADO QUE SE PODE VER PRIVADO DO USO DA LINGUA GALEGA
A CIG-Ensino denuncia que o cuestionario enviado onte aos centros para a súa distribución entre os pais e nais vai dar lugar ao incumprimento dos dereitos lingüísticos do alumnado pois pode dar como resultado a falta de contacto coa súa lingua propia, incumprindo así a Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos e procura a desaparición do galego como lingua vehicular na educación infantil.
A CIG-Ensino denuncia que este cuestionario non vai dar conta de cal é a lingua do contorno familiar do alumnado, pois preguntar cal é a lingua materna do neno ou da nena, sen especificar que criterios se deben ter en conta para establecelo, pode dar lugar a unha situación que non se corresponda coa realidade, xa que pode haber familias que respondan que a lingua materna dos seus fillos é o español, cando na realidade no seu contorno familiar a lingua de relación é o galego. Que a Consellaría fai unha pregunta tendenciosa e tramposa e que non pretende dar conta da realidade, vese tamén no feito de que parte da base de que todo o alumnado de infantil fala ou galego ou español, cando hai pequenos e pequenas que teñen como lingua do seu contorno familiar as dúas ou outra diferente.
O procedemento arbitrado pola Consellaría non só é contrario a dereito (como así ditaminou o Consello Consultivo) senón que é contrario a calquera exame científico, pois non se pode considerar como lingua materna predominante “aquela que obteña un resultado maioritario entre as familias”, a lingua predominante entre o alumnado non pode ser o resultado dunha votación, senón a conclusión dunha análise demorada da situación sociolingüística do contorno do centro, labor que o profesorado veu realizando até o de agora.
Esta consulta é, como xa denunciou a CIG, unha desautorización do profesorado, que é quen realmente sabe cal é a lingua predominante entre o alumnado e como debe desenvolver as súas aulas para procurara que as súas alumnas e alumnos aprendan os dous idiomas.
Por outro lado, a CIG-Ensino considera que hai unha desprotección grave dos dereitos lingüísticos do alumnado ao ter esta consulta unha validez de tres cursos académicos independentemente de que haxa variación no alumnado e por tanto na lingua predominante entre eles, así por exemplo aqueles nenos e nenas que se incorporen con posterioridade ao remate do prazo de matrícula non poderá participar neste cuestionario.
A CIG-Ensino esixirá da Consellaría de Educación que teña en conta a realidade sociolingüística do alumnado e, no caso dos contornos en que predomine o español, se respecte a presenza do noso idioma nun mínimo do 50% do horario lectivo.