A CIG-Ensino denuncia que Normalización impídelle aos Centros a adquisición de libros na nosa Lingua

A Secretaría Xeral de Normalización, unha vez máis, impide o traballo das coordinadoras e os coordinadores dos equipos

A CIG-Ensino esixe publicamente unha rectificación da Secretaría Xeral e dos Gabinetes de Normalización, para que, como en anos anteriores, sigan aboando os libros en galego.

A CIG-Ensino denuncia que os Gabinetes provinciais de Normalización Lingüística, dependentes da Secretaría Xeral de Normalización, acaban de enviar unhas instrucións aos centros en que indican que non se van aboar gastos de material inventariable, facendo fincapé que o material que se adquira “non pode producir os seus efectos en exercicios futuros”, por poñer un exemplo, que non poden comprar libros, e así llo están comunicando a algúns centros aos que lles rexeitan as facturas presentadas.

A CIG-Ensino denuncia esta situación por un lado porque estas instrucións se envían aos centros neste momento, despois de que realizasen os proxectos, debidamente presentados e aprobados no seu día,  e por tanto despois de ter realizado os gastos que agora lle indican non se van ter en conta.

Por outro lado está o fondo da cuestión: o Departamento de Normalización négase a aboar libros, como unha medida máis contra a galeguización dos centros, precisamente despois de ter eliminado o requisito de que o 50% do material adquirido para as bibliotecas debe estar en galego. Até este ano Normalización admitía a adquisición de libros relacionados coas actividades programadas polos Equipos de Normalización, mais estas instrucións non fan esa salvedade.

A CIG-Ensino denuncia esta actitude da Secretaría Xeral de Normalización que, unha vez máis, impide o traballo das coordinadoras e os coordinadores dos equipos, pois esta medida vénse sumar á redución nos orzamentos para normalización, ao atraso na convocatoria das axudas, etc. A Secretaría Xeral, a través dos gabinetes provinciais, pon novas dificultades ao labor dos equipos e impide a adquisición de determinado material, como poden ser os libros en galego, porque poden quedar como material do centro e, polo que parece, a esta Administración non lle gusta que nos centros haxa libros na nosa lingua.

A CIG-Ensino esixe publicamente unha rectificación da Secretaría Xeral e dos Gabinetes de Normalización, para que, como en anos anteriores, sigan aboando os libros en galego.

Volver