A CIG Ensino denuncia que moitos equipos de normalización aínda non percibiron o 75% das axudas aprobadas para o curso pasado (2010-2011)

A CIG-Ensino vai esixir unha explicación ao feito de que moitos centros públicos aínda non percibisen o 75% das axudas concedidas e que se aboen de inmediato

A CIG Ensino denuncia que a Consellaría de Educación aínda non realizou o pagamento da totalidade das axudas concedidas a centros públicos para a realización de proxectos de fomento do uso do galego, correspondentes ao curso 2010-2011, e esixe o inmediato pagamento.

Hai uns días, denunciamos publicamente a drástica redución dos orzamentos destinados a proxectos de normalización da nosa lingua, un 69% menos ca nos cursos 2009-2010 e 2010-2011 en que a partida orzamentaria soamente acadaba os 800.000€, despois de ter sufrido unha redución do 20%. Denunciabamos tamén que a esta redución se sumaba a prohibición, vía orzamentaria, para realizar actividades nos catros primeiros meses do curso, de setembro a decembro de 2011, pois a convocatoria non admite a xustificación de gasto nese período.

            Pois ben, na Mesa Sectorial de hoxe, a CIG-Ensino vai esixir unha explicación ao feito de que moitos centros públicos aínda non percibisen o 75% das axudas concedidas e que se aboen de inmediato.

            Hai que considerar que os centros tiveron que xustificar con antelación ao 30 de xuño de 2011 os gastos realizados neses seis meses e que debían ser o 75% da cantidade concedida. Polo tanto, os centros realizaron o gasto, adiantando diñeiro, antes do 30 de xuño, e, sete meses despois, a Consellaría aínda non lles pagou nin lles confirma cando o fará, pois estas cantidades que corresponden ao orzamento de 2011 e que con cargo a el ían ser aboadas, non o foron e os centros soamente saben que agora terán que serlles retribuídas con cargo ao exercicio orzamentario de 2012.

            Estamos falando de cantidades importantes para os centros que tiveron que adiantalas. Se o importe medio das axudas concedidas era de 853€, significa que moitos centros non cobraron aínda 640€. Mais son moitos os centros de Secundaria aos que lles foi concedida unha axuda de 2000€ para a realización de actividades, estes centros aínda non cobraron 1500€ xa gastados.

            Estes atrasos e os recortes nas axudas deste ano acaban por afogar os centros e impedironlles realizar actividades de normalización. A CIG-Ensino rexeita esta falta de planificación da Consellaría e esta agresión ao noso idioma.

            A CIG-Ensino vai esixir da Consellaría de Educación na Mesa Sectorial de hoxe que esta situación se corrixa de inmediato e que non se volva producir no futuro.

Volver