A CIG-Ensino denuncia que estamos nun novo inicio de curso caracterizado por recortes sistemáticos que deterioran o ensino público
O secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, advertiu en rolda de prensa que a política do PP ten como obxectivo laminar o ensino público
Para a CIG-Ensino este curso está determinado polo encarecemento do gasto escolar, que moitas familias non poderán enfrontar por decisións como a suba das taxas, a redución de bolsas, o endurecemento dos criterios para conseguilas ou a suba do 32% das matrículas dos conservatorios, cercenándose así o dereito á educación.
Na rolda de prensa a CIG-Ensino denunciou que o curso empeza con 15 centros menos e 64 unidades de Educación Infantil e Primaria suprimidas no ensino público, mentres se concertan 40 unidades novas e 18 ciclos formativos.
Dótase aos centros dun número de profesorado insuficiente, haberá máis alumnado por aula e agrupamentos de diferentes idades e niveis e vólvese ofrecer un número de prazas insuficientes de 0 a 3 anos. Neste curso decrece a oferta educativa no ensino público (coa transformación de institutos de educación secundaria en centros integrados de formación profesional), elimínase a gratuidade do comedor escolar ao alumnado transportado e incrementase de xeito desorbitado o prezo dos menús, en preto do 40%. Aproximadamente só terán dereito ao comedor gratuíto uns 14.000 alumnos/as dos preto de 200.000 que están escolarizados/as en Educación Infantil, Primaria e Secundaria Obrigatoria.
Anxo Louzao advertiu tamén de que estamos ante un curso representado por criterios discriminatorios na admisión do alumnado para beneficio do ensino privado concertado, caracterizado pola redución das axudas para os libros de texto nun 10% e gratuidade só limitada ao 60% (aínda que isto se vai traducir nun custe maior que o sistema de gratuidade total pola modalidade de préstamo promovida polo goberno bipartito) e no que tamén se acentúa o desmantelamento da escola no medio rural.
Ademais, a Consellaría do PP persiste na súa cruzada contra o galego, dixo Louzao que lembrou que, malia a sentenza do TSXG, a Consellaría enviou de novo aos centros unha pregunta para facerlle ás familias en termos semellantes á declarada ilegal. Ante esta situación, a CIG tivo que demandar ao tribunal que lle esixira á Consellaría a execución da sentenza. “Isto explica que Educación anunciara uns criterios diferentes para fixar a lingua do ensino na educación infantil. A Consellaría de Educación continúa sen avaliar o estado actual da normalización e retroceso do ensino en galego porque sabe que a realidade supón un retroceso no uso do galego como lingua vehicular que en tramos como a educación infantil no acada nin o 5%”, engadiu.
Segundo explicou o secretario nacional da CIG-Ensino acentuouse a privatización e a confesionalidade do ensino. “Mantéñense os concertos con centros que segregan alumnado por razón de xénero e apróbanse concertos con ciclos de formación profesional que se lle negan ao ensino público, como é o caso do ciclo superior de integración social. Ao tempo increméntase o profesorado de Relixión que tamén vai impartir outras materias.
Outros dos aspectos que a CIG-Ensino denunciou é que por vez primeira neste curso se introduce unha empresa privada na formación do alumnado no ensino público (para organización e desenvolvemento de cursos de inglés para alumnado de sexto curso de Educación Primaria e da ESO).
En relación ao profesorado a CIG-Ensino recordou os seguintes datos
- Continúa a redución dos cadros de persoal nos centros, malia o alto número de xubilacións producidas nestes últimos anos e que foron máis de 3.000.
- A preto do 17% do profesorado non se lle adxudica destino até o inicio do curso.
- Constátase unha alta porcentaxe de profesorado sen destino definitivo, o que se traduce en inestabilidade dos cadros de persoal e incidencia negativa na posta en marcha do curso escolar.
- Increméntanse as supresións, os desprazamentos, o profesorado que ten que impartir afíns.
- Numeroso profesorado interino queda sen traballo.
- En canto aos recortes salariais, reducirase de novo a paga extra de decembro nun promedio do 40%.
Na adxudicación definitiva de destinos no corpo de mestres constátase:
- Escolleron destino 2.198.
- Adxudicoúselle destino a 53 interinos menos que no curso pasado.
- Van ter que impartir afíns 235 e facer itinerancias 327
Da adxudicación provisional de Secundaria tíranse so seguintes datos:
- Adxudicáronse 3014 prazas e hai 135 desprazados.
- Malia non haber oferta de emprego nos últimos 3 anos e producirse miles de xubilacións só se incrementou o número de interinos e interinas en 71 (obtiveron destino 697 interinos/as).
- Van impartir afíns 765 profesores/As. (Impartirán unha afin 620 docentes, dúas 109, tres 25, catro 8 e incluso adxudícanse dúas prazas con cinco afíns e unha con oito).
- Non se lle adxudicou destino a 68 funcionarios/as de carreira (30 de lingua galega, 18 de filosofía, e 20 de debuxo).
Anxo Louzao tamén indicou que este curso vén precedido pola publicación dunha batería ampla de resolucións no mes de agosto “aproveitando o período de vacacións co obxectivo de favorecer o ensino privado, reducir a calidade do ensino e evitar a contestación social”. Neste tempo a Consellaría publicou:
- A oferta da Formación Profesional e da FP Dual.
- O Decreto de Comedores
- Os cadros de persoal dos centros de educación infantil e de educación primaria.
- A orde de concertos educativos
- A orde que introduce empresas privadas no ensino público para a formación en lingua inglesa.
Por outra banda, dixo, a Consellaría porfía na súa actitude de insubmisión incumprindo numerosas sentenzas:
- A sentenza do Tribunal Supremo que recoñece o dereito do profesorado a ter revisión médica anual.
- A sentenza contra o decreto do plurilingüismo
- A sentenza contra os concertos que segregan alumando por razón de xénero.
“A falta dunha actitude democrática e negociadora por parte da Consellaría de Educación e a imposición como forma de actuar obríganos a recorrer constantemente aos tribunais e a xudicializar a vida laboral e o dereito educativo ”, explicou Anxo Louzao que advertiu que a CIG-Ensino e a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público xa teñen acordado a realización de novas mobilizacións no inicio de curso, entre elas unha marcha a Santiago contra a LOMCE o 28 de setembro. Así mesmo esta convocada unha concentración coincidindo o día 11 coa inauguración do curso na Universidade.
En definitiva “aproveitase a crise para reducir a calidade do ensino, facer inviábel a igualdade de oportunidades, apartar do dereito a educación ás clases sociais máis desfavorecidas e continuar os recortes que comportan reducir salarios do profesorado, impartir materias das que non se é especialista, reducir profesorado nos centros e deixar mais profesorado sen traballo. “Preséntase un curso conflitivo xa que desde a CIG-Ensino combateremos estas medidas e batallaremos para mudar esta política educativo orientada a afortalar o ensino privado en detrimento do público”, dixo Louzao