A CIG-ENSINO denuncia que Educación impide o ensino en galego nos ciclos de FP a distancia

Educación eliminou da Plataforma de formación a distancia os materiais que xa estaban editados en galego e substituíunos por outros en español

A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría de Educación impide o ensino en galego nos ciclos de FP a distancia. A CIG-ENSINO ten constancia de que nos ciclos de Emerxencias Sanitarias e Administración e Finanzas, polo menos, sen prexuízo de que esta situación estea estendida a toda a oferta modular a distancia, os materiais aos que ten que acceder o alumnado están só en español en todos os módulos. Estes materiais, específicos da FP a distancia, están na plataforma da Consellaría de Educación Platega e son cos que ten que traballar o alumnado que quere formarse a distancia nestas titulacións.

A situación é moi grave se consideramos que os cursos anteriores a metade dos módulos tiñan o seu material editado en galega, mais a Consellaría fiel ao seu afán desgaleguizador retirounos para substituílos por outros integramente en español.


A CIG-ENSINO vén reclamando reiteradamente da Dirección xeral de FP que nos currículos dos ciclos formativos se establezan que módulos deberán ser impartidos en galego, como paso necesario para que a nosa lingua estea presente nesta etapa educativa, mais a Consellaría négase reiteradamente.

A CIG-ENSINO tamén ten reclamado en numerosas ocasións que a Consellaría promova a elaboración de materiais na nosa lingua para favorecer a impartición en galego dos ciclos, mais como vemos agora, a Consellaría lonxe de cumprir coas súas obrigas mesmo incumpre o Decreto 79/2010 de uso da lingua galega no ensino elaborado por ela, impedindo pola vía dos feitos o cumprimento da cativa normativa sobre o noso idioma. Este Decreto, no artigo 9, que regula o uso do galego na FP, di que se establecerá unha oferta equilibrada de materias e módulos en galego e castelán que garanta que o alumnado adquira competencias nas dúas linguas e engade que deberán coñecer, en todos os módulos, o vocabulario específico nas dúas linguas, o que, neste momento é imposíbel debido á grave actuación da Consellaría.

A CIG-ENSINO esixe a restitución dos materiais en galego que estaban publicados nos anos anteriores para o ensino da FP a distancia, de tal xeito que se garanta, como mínimo, o que fixa a lexislación que é a oferta equilibrada de módulos en galego e castelán e o coñecemento do vocabulario específico na nosa lingua.

Volver