A CIG-Ensino denuncia que Educación converte unha suposta xornada de benvida a docentes en prácticas nun acto de marcado carácter político

O sindicato exixe que non se volvan producir eventos destas características con presenza de cargos políticos e que a formación do novo funcionariado en prácticas sexa cometido exclusivo de profesionais docentes en activo

A confusión permanente entre partido e goberno que xa se viu na campaña electoral das últimas eleccións autonómicas volve neste comezo de curso en dúas “xornadas de benvida” de carácter obrigatorio para o novo funcionariado que vén de aprobar as oposicións en xullo, que tiveron lugar os días 4 e 5 de setembro para docentes de primaria e secundaria respectivamente. Estas xornadas contaban como parte central do seu programa cos máximos cargos políticos da Consellaría de Educación. O lugar escollido e a comunicación política do gabinete da Consellaría coincide exactamente coa empregada polo PP nun acto electoral das últimas eleccións, nun exemplo máis de confusión partidaria e gobernamental.

Chama a atención que se obrigue a acudir presencialmente a un acto destas características cando o resto da formación obrigatoria na fase de prácticas regulada pola administración é exclusivamente online.

Obriga de asistir e de pagar o desprazamento

Todo o profesorado en prácticas tiña que asistir con carácter obrigatorio a estes actos na cidade de Santiago e non está previsto que se aboe como gastos de desprazamentos, malia ser o habitual cando o persoal docente se ten que trasladar con carácter forzoso a unha reunión á que son convocados e non van por vontade propia.

Por outro lado, a orde de reintegro por gastos de formación exclúe expresamente a formación ofertada pola propia estrutura de formación da Consellaría, polo que o profesorado obrigado a asistir a ese “acto” non poderá solicitar o aboamento dos gastos de quilometraxe. A preguntas de persoas asistentes a unha das xornadas afirmouse o contrario por parte dun alto cargo da Consellaría, nunha mostra de cinismo ou ignorancia.

A CIG-Ensino cualifica como grave esta utilización dunhas xornadas supostamente formativas pola participación de responsábeis políticos e demanda que se adopten as seguintes medidas:

  1. Eliminación ou modificación substancial do formato destas xornadas. O sindicato considera que a información básica que debe recibir todo docente que comeza a súa andaina profesional debe formar parte da titorización no seu propio centro. No caso de se celebraren estas xornadas fóra del, deben ser de carácter comarcal, achegando a formación ao profesorado e evitando a obriga de facerlle perder o tempo con desprazamentos longos.
  1. A formación debe estar exenta de calquera intervención política e debe ser ofrecida por profesorado con experiencia e que forme parte habitualmente da titorización de novo funcionariado quen se encargue dela. Non ten ningún sentido que na xornada de Infantil e Primaria interveña a directora xeral de FP para contar as bondades das políticas do seu departamento ou que o discurso dos responsábeis políticos se limitara a enumerar propagandisticamente -e manipulando cales son iniciativa propia e cales financiados pola UE e o Ministerio- plans como o MEGA, Proa+, reforzo matemático e lector…
  1. Calquera formación ou reunión que teña carácter obrigatorio debe contar con fondos para o pagamento dos gastos de desprazamento e, se o horario así o require, manutención, de igual maneira que o perciben os propios altos cargos ou calquera funcionario ou funcionaria que ten que asistir a convocatorias e reunións oficiais convocadas pola Xunta.
  1. No caso deste curso a Consellaría debe aboar de oficio os gastos de quilometraxe desde o centro de cada docente con cargos a fondos da estrutura de Formación de Educación, sen que se lle repercuta este custe aos centros educativos, como nalgunha ocasión se fai con docentes convocados a reunións na Consellaría.

Volver