
A CIG-ENSINO denuncia que Consellaría de Educación elimina outra posibilidade de formación do persoal docente ao suprimir a matrícula gratuíta na universidade
Achegamos modelo de escrito para demandar o mantemento deste dereito
No mes de xuño, a CIG-Ensino xa levou o tema á mesa Sectorial para esixir que a Consellaría mantivese este dereito. O presidente da mesa sectorial comprometeuse a estudar o tema, tendo a calada por resposta até o día de hoxe, en que temos coñecemento da aplicación da medida.
A eliminación da matrícula gratuíta supón a perda dun dereito retributivo das traballadoras e os traballadores que se acumula a unha redución salarial de máis do 7%, a ampliación do horario lectivo e a imposición de novas funcións, ou á redución das modalidades e das prazas de formación do profesorado. Esta medida ten unha repercusión negativa na formación dos docentes e, consecuentemente, no propio ensino, cando o lóxico é que a Consellaría fomente todos os medios posíbeis para a formación do profesorado, da que os estudos universitarios forman parte. Por outro lado, como se pode comprobar moitos convenios colectivos recollen o acceso a distintos servizos da propia empresa ou sector, non así na Administración pública, onde ao persoal da Consellaría se lle nega tamén ese dereito.
Estamos pois ante outro ataque da Consellaría aos seus traballadores e traballadoras, demostrando unha vez máis o seu desprezo polos docentes e o seu desinterese pola calidade do ensino público. A CIG-Ensino promoverá un escrito de rexeitamento desta medida e a esixencia de que se retire.