A CIG-Ensino denuncia que a relixión condicione as matrículas de honra do Bacharelato

Ensino laico e igualitario

A CIG-Ensino ten constancia de que o IES Concepción Arenal de Ferrol está considerando a cualificación da materia de relixión para calcular a media co fin de elaborar a proposta de alumnos e alumnas que optan á matrícula de honra. Concretamente, alumnos que, polas súas notas nas demais materias, non optarían a esta matrícula de honra, logo de reclamar ao departamento de Relixión foilles incrementada a nota e, agora, atópanse en disposición de que se lles conceda a dita matrícula de honra, en detrimento dos alumnos/as que non cursan esta materia.

Este proceder discriminatorio e ilegal vén precedido de instrucións emanadas da Consellaría de Educación, interpretando incorrectamente a lexislación actual, pois a propia LOE, no seu artigo 84, establece que baixo ningún caso se discriminará o alumnado por razón de relixión. Así mesmo, o Decreto 126/2008, do 19 de xuño, polo que se establece a ordenación e o currículo de bacharelato en Galiza, e a orde do 24 de xuño de 2008 que o desenvolve, recolle que “coa finalidade de garantir o principio de igualdade e libre concorrencia as cualificacións desta materia [relixión] non computarán na obtención da nota media...”, naqueles asuntos en que deban entrar en concorrencia os expedientes académicos.

A CIG-Ensino vén de remitir un escrito ao Conselleiro para que urxentemente dea instrucións no sentido de evitar que a materia de relixión condicione favorablemente a obtención da matricula de honra, marxinando o alumnado que opta por non cursar relixión, xa que a Alternativa á Relixión non se cualifica. Lembramos que a matrícula de honra supón a matricula gratuíta nos estudos universitarios.

Á CIG-Ensino, que xa se ten manifestado pola exclusión da relixión do currículo en múltiples ocasións e circunstancias, parécelle especialmente grave que se penalice aos que non opten por esta materia. Polo tanto, se non se rectifica inmediatamente, a CIG-Ensino ten previsto presentar recurso diante dos tribunais para desfacer esta inxustiza e atropelo.

Volver