A CIG-Ensino denuncia que a Orde pola que se convocan axudas para actividades de formación en linguas estranxeiras destinadas ao alumnado empeora respecto da do ano pasado

Recortes no esnino público

A CIG-Ensino denuncia que a Orde do 8 de marzo de 2011, publicada o día 11, pola que se convocan axudas para a realización de actividades de formación en linguas estranxeiras, destinadas ao alumnado dos centros docentes sostidos con fondos públicos, empeora a convocatoria do ano pasado, en canto aos criterios de acceso e en canto ás achegas económicas que deberán realizar as familias, precisamente nun contexto de crise económica.

Para a CIG-Ensino esta actuación pon en evidencia, unha vez máis, as verdadeiras intencións da Administración que non son as de potenciar as linguas estranxeiras, como alardea cando o que realmente quere é reducirlle horas ao galego. Se esa fose a súa intención non aplicaría uns incrementos tan desproporcionados ás achegas familiares para a realización destes cursos, incrementos que disuadirán a moito alumnado de solicitar ou realizar estas actividades.

Na convocatoria do presente curso, empeóranse  as condicións de acceso ás axudas porque, en contra do recollido nas ordes doutros anos, na convocatoria deste ano permítese a participación das persoas que recibiron esta axuda en anos anteriores. Tanto na convocatoria de 2010, como na de 2009, o alumnado que gozara da axuda no curso anterior non podía participar, mais na convocatoria actual si se lle permite a participación, facendo a única salvidade de que quen non participase nunca engadirá un punto ao seu baremo, o que é unha puntuación claramente insuficiente para potenciar ás persoas que nunca gozaron desta axuda, dentro dun baremo que pode acadar unha puntuación máxima de 35 puntos.

Por outro lado, esta orde tamén empeora as condicións de acceso porque se incrementan as cantidades que terán que achegar as familias, e isto precisamente nun contexto de crise económica. Mesmo no caso das actividades máis baratas, as cantidades que hai que achegar increméntase, nalgúns casos, en máis do 65%, por exemplo nos cursos de inglés en Galiza para alumnado de 6º de Educación Primaria. Na convocatoria do ano pasado as familias debían realizar unha achega económica de 60 euros, mais segundo a convocatoria deste ano, os que entren no grupo A teranse que aboar 100 (así en 225 das 740 prazas), os do grupo B 200 €, (225 prazas), os do grupo C 360 € (150 prazas) e os do grupo D 480 € (150 prazas). En todos os casos as contías fixadas para o 70% das prazas superan nunha porcentaxe moi elevada o custe establecido na convocatoria do ano anterior. No caso do curso de inglés en Canadá para 2º de Bacharelato, a contía de 310 € do ano pasado increméntase aos 500 € para o grupo B, (24 das 80 prazas), os 900 € para o grupo C (16 prazas) e os 1200 € para o grupo D (16 prazas).

Por outro lado cabe sinalar que a orde establece unha clasificación en catro grupos de achega económica, con diferencias de case 1000 € en 2º de Bacharelato. Mais a clasificación dos participantes en cada un destes grupos vén determinada en función da puntuación total obtida, e non só da puntuación correspondente á renda familiar, que parecería  o máis lóxico. Polo que as contías a aboar non virán determinadas pola puntuación na renda, senón polo posto acadado na relación total en función do número de solicitudes admitidas.

Máis información:

Ligazón 1

Ligazón 2

Volver