A CIG-ENSINO denuncia que a “Lei de convivencia e participación da Comunidade educativa” nace coa maior oposición social coñecida e ao servizo da ideoloxía do Partido Popular

Ofensiva da Consellaría contra o ensino público galego

O pasado venres 15 de xullo o DOG publicou a Lei 4/2011 de convivencia e participación da Comunidade Educativa. Nos vindeiros meses poderemos comprobar como esta Lei foi imposta cos votos do PP no Parlamento Galego co único obxectivo de procurar un mecanismo máis para reducir a presenza da nosa lingua no ensino.

En maio de 2010, o Consello Consultivo fixo público o seu informe desfavorábel sobre o proxecto de Decreto de Plurilingüismo, por mor, entre outras cuestións, da consulta aos pais para a determinación da lingua predominante nas aulas. A esta reprobación, o Presidente da Xunta respondeu que estudarían a fórmula para “facer legal” a consulta. Como se di popularmente: “quen fai a lei, fai a trampa” e, efectivamente, a Consellaría Popular de Educación iniciou o ano 2011 coa presentación dun anteproxecto de Lei que tiña como obxectivo real regular a pregunta ás familias para a determinación da lingua a empregar nas aulas.

Unha vez máis, o goberno da Xunta de Galiza actuou en función dos intereses dunha minoría reaccionaria coa que comprometeu no seu día esta consulta aos pais durante a campaña electoral. Non foi nin o principio de autoridade, nin o de veracidade, nin a redución da conflitividade nas aulas o que motivou a aprobación desta lei.

A Lei promovida pola Consellaría e que é unha translación á Galiza dun modelo educativo alleo, o da Comunidade de Madrid, foi aprobada aplicando o rodillo parlamentario da maioría absoluta, despois de desprezar todos e cada un dos argumentos da comunidade educativa e da sociedade en xeral, representada esta última no Parlamento de Galiza polos grupos da oposición.

Teñamos en conta que:

  • O anteproxecto de Lei foi presentado de xeito escurantista, seguindo o manual antidemocrático desta Consellaría: en datas non lectivas e sen informar os representantes do profesorado, facendo propaganda populista e falseando os verdadeiros obxectivos da proposta. Cómpre lembrar que, en relación co neste tema, a CIG-Ensino viña reclamando información na Mesa Sectorial sen que a Consellaría respondese en ningún momento.

  • A tramitación da Lei de Convivencia deu lugar a varias mobilizacións convocadas pola CIG-Ensino, concentracións ante o Consello Escolar de Galiza e o Parlamento galego, de rexeitamento deste proxecto dirixido contra a nosa lingua.

  • Consello Escolar de Galiza, órgano consultivo que representa a toda a comunidade educativa e que debe ser consultado pola Consellaría, reclamou a retirada deste anteproxecto de Lei por 21 votos en contra do anteproxecto, os da CIG-Ensino e a maioría das organizacións sindicais, os representantes das ANPAS dos centros públicos, o alumnado e os movementos de renovación pedagóxica fronte a 2 abstencións e 11 votos a favor do seu mantemento.

  • Varios Consellos Escolares Municipais pronunciáronse tamén en contra da tramitación deste anteproxecto.

  • A CIG-Ensino presentou máis de 3500 sinaturas pedindo a retirada do anteproxecto.

  • As catro Xuntas de persoal docente se pronunciaron contra a Lei e pediron a súa retirada.

Nos próximos meses comprobaremos como, en virtude desta nova Lei, a Consellaría realiza outra consulta ás familias cinxida exclusivamente ao idioma, outra vez sen transparencia, nin control democrático. Lembremos que a Consellaría non fixo públicos os resultados da consulta realizada este curso 2010-2011, malia lle ter sido reclamados reiteradamente pola CIG-Ensino. Comprobaremos como nesa consulta non se lle vai preguntar aos pais e nais se queren que haxa servizos complementarios nos centros, nin se debe haber unha redución de alumnos por aula, se queren máis profesorado ou se debe haber relixión ou non no sistema educativo, por exemplo, senón que, de maneira tendenciosa unha vez máis, preguntarán sobre a nosa lingua, sen permitir que aquelas familias que o desexen poidan responder que queren recibir todo o ensino en galego.

A CIG-Ensino lémbralle ao Conselleiro de Educación que os problemas do Ensino non se resolven coa imposición dunha lexislación que non recolle solucións pedagóxicas para os problemas reais do ensino en Galiza. A presunción de veracidade ou o recoñecemento da autoridade do profesorado non os ten presentes a Consellaría cando prohibe por Decreto dar aulas en galego en determinadas materias, cando reduce drasticamente as posibilidades de formación do profesorado, cando lle reduce o salario e lle recorta outros dereitos retributivos ou cando liquida un acordo acadado por unanimidade e impón unha modificación unilateral da xornada laboral e a realización de tarefas que non lle corresponden ao profesorado. O recoñecemento da autoridade do profesorado tampouco preside as relacións cos centros escolares aos que lle negan sistematicamente as peticións de profesorado e outras dotacións para facer fronte ás necesidades de cada centro, elementos que verdadeiramente redundarían no recoñecemento da función docente do profesorado. Non é o recoñecemento da autoridade do profesorado o seu obxectivo

Esta Lei é un engano á sociedade. A CIG-Ensino informará e sensibilizará á comunidade escolar sobre as verdadeiras intencións da Consellaría na aplicación desta lei e denunciará as graves repercusións que terá para a nosa lingua e para o conxunto do sistema educativo. 

Volver