A CIG-Ensino denuncia que a galegofobia da Consellaría de Educación impídelle recoller no calendario escolar a conmemoración do día de Rosalía de Castro

Mesa sectorial do 23 de maio de 2013

Este xoves 23 de maio celebrouse mesa sectorial para tratar, entre outras cuestións, o calendario escolar para o curso 2013-2014. A CIG-Ensino defendeu, entre outras propostas, manter como día non lectivo o mércores de cinza e que se recollese o Día de Rosalía, 24 de febreiro, e da Clase Traballadora Galega, 10 de marzo. A Consellaría recolleu a proposta do mércores de cinza, mais negouse taxativamente a que no apartado das conmemoracións apareza como data a conmemorar o Día de Rosalía, como si aparecen o Día de Europa, ou o día dos Dereitos do consumidor. No interior da nova podes consultar o CALENDARIO ESCOLAR 2013-2014.

Para a CIG-Ensino non é admisíbel este rexeitamento e esta negativa permanente a recoñecer o significado que Rosalía Castro ten para a nosa lingua e literatura. Só nunha permanente actitude de rexeitamento de todo o relacionado coa nosa lingua, nunha negativa a potenciar o uso do noso idioma, no autoodio podemos explicar esta actitude de Educación. É inadmisíbel que haxa que xustificar esta proposta e mesmo explicar por que se quere un Día de Rosalía no Ensino.

            Noutra orde de cousas, a CIG-Ensino propuxo que o curso escolar comezase os días 12 e 17 de setembro e lembroulle á Administración que contamos cun horario escolar que supera en moitas horas o de países que sempre se sitúan como modelos en materia de Educación. De acordo cos datos que figuran na propia páxina do MEC, en Galiza o alumnado de Secundaria ten 1050 horas lectivas, fronte ás 868 de Finlandia, as 983 de Francia e as 973 de Alemaña. En Primaria tamén o alumnado galego, con 875 horas, supera as 621 de Finlandia, as 714 de Alemaña e mesmo as 872 de Francia. A Administración non aceptou esta proposta nin a de que o período non lectivo de Semana Santa se iniciase despois do xoves santo, de xeito que todas as localidades galegas coincidisen no desenvolvemento deste período non lectivo.

            As datas do calendario quedan deste xeito:

 

Inicio

Remate

Nadal

Semana Santa

Entroido

Primaria

12/09

20/06

22/12 – 8/01 ambos os dous inclusive

14/04 – 21/04 ambos os dous inclusive

3, 4 e 5/03

Secundaria

17/09

Consulta o calendario nesta ligazón


Drástica redución en Formación do profesorado:

Nesta mesa tratouse tamén a orde de licenzas retribuídas por formación para o curso 2013-2014. A CIG-Ensino denunciou en primeiro lugar a drástica redución destas licenzas de formación que se reducen nun 63% pois pasan de un cómputo de 1450 meses no pasado curso, a 500 meses neste, en cómputo anual: é como reducilas de 145 a 50. Por tanto estamos a falar de soamente 50 licenzas anuais para un total de 32.000 docentes.

Ademais a CIG-Ensino denunciou que esta oferta consolida a eliminación das licenzas por estudos existentes en até o ano 2011-12 para a realización de teses, obtención de licenciaturas, etc. E é unha oferta que se centra exclusivamente en “formar” profesorado para pór en marcha as seccións bilingües, plurilingües e o proxecto Abalar e non en ofertar ao profesorado a formación que recolla todos os aspectos pedagóxicos, didácticos e currículares para o conxunto das materias e etapas educativas.

Volver