A CIG-Ensino denuncia que a consellaría utiliza a súa web para manipular a opinión pública sobre a falta de negociación do decreto do plurilinguismo

Conselleiro mintireiro

A CIG-ENSINO denuncia que a Consellaría de Educación fai un uso parcial e interesado da web institucional, empregándoa para manipular a opinión pública, ao dar unha versión interesada e falsa sobre o trámite, que debería ter sido de negociación, do Decreto de Plurilingüismo.

A CIG-Ensino denuncia que a consellaría utiliza a súa web para manipular a opinión pública sobre a falta de negociación do decreto do plurilinguismo

 
A CIG-ENSINO denuncia que a Consellaría de Educación fai un uso parcial e interesado da web institucional, empregándoa para manipular a opinión pública, ao dar unha versión interesada e falsa sobre o trámite, que debería ter sido de negociación, do Decreto de Plurilingüismo.

A Consellaría non pode abandonar o vicio de mentir, e agora mente ao presentar o tempo transcorrido entre o 30 de decembro e o día de onte como de negociación. Esta afirmación é rotundamente falsa, pois o que houbo durante unha parte dese tempo foi un período de audiencia, é dicir, un período en que a Consellaría se entrevistou con algunhas entidades, para que lle désemos traslado das nosas posicións sobre as bases, mais iso non é unha negociación.

Ademais, cabe sinalar, como xa denunciou a CIG no seu día, que se estaba a producir unha consulta sesgada cando a Consellaría non convocaba os Movementos de Renovación Pedagóxica e as organzacións estudantís, entidades coñecidas e recoñecidas e con representación no Consello Escolar de Galiza, o cal pon de manifesto a importancia da súa opinión no ámbito educativo, ou a Asociación de escritores. Porén a Consellaría si se reuniu con asociacións absolutamente marxinais como Galicia Bilingüe ou a Mesa por la libertad Lingüística, evidentemente coa finalidade de presentar o seu proxecto co aval destas organizacións, algunha das cales xa manifestou que está de acordo coa proposta en tanto en canto é o inicio da fin da normalización do noso idioma.

O Secretario Xeral de Política Lingüística, que onte se negou á negociación, mente cando di que a CIG non quixo negociar. O Secretario Xeral esquece intencionadamente que a CIG explicou en todo momento os motivos da súa petición de retirada das Bases, primeiro, e do anteproxecto despois, chegando entregarlle na entrevista realizada o 19 de xaneiro un extenso documento en que se recollían os principais atrancos das Bases para esta organización. Foi con posterioridade a esa data, e despois de meses de comprobación da nula vontade normalizadora do seu departamento e do goberno galego, cando o profesorado acompañado da sociedade galega saíu á rúa reclamando respecto para o noso idioma e o dereito a termos ensino en galego.

O Secretario Xeral pretende convencer a opinión pública de que recolleu as demandas realizadas polas entidades consultadas, mais a súa afirmación non corresponde á realidade, pois onte mesmo catro organizacións sindicais reiteraron as súas demandas, ao non ter sido recollidas, e abandonaron a Mesa Sectorial por que o Secretario Xeral se negou a tratar as propostas realizadas, esa é a realidade, “a imposición duns poucos a tantos e nun tema tan importante”. A súa decisión estaba tomada, chegaron á Mesa coa única intención de facer un trámite, non ían admitir ningunha modificación no documento, por iso xa o enviaran como texto para o debate no Consello Escolar de Galiza, que debería debater sobre o documento que saíse da mesa.

Volver