
A CIG-Ensino denuncia que a consellaría ten un currículo oculto para o proxecto ABALAR
Unha ferramenta propagandística da Consellaría de Educación, destinada fundamentalmente a desviar fondos á privada
A CIG-Ensino manifestou o seu rexeitamento á forma en que se está aplicando este proxecto, un proxecto pensado para desviar fondos á privada como se comproba o ver que soamente 537 centros públicos, dun total de 1320, ou sexa o 40,7%, fronte ao 64,5% dos centros concertados, 156 de 242
Por outro lado a ineficacia, a falta de planificación e a desorde absoluta foron os trazos caracterizadores deste proxecto, realizado sen que houbese unha convocatoria pública debidamente realizada, deixando fóra do proxecto centros que reunían as características necesarias e sen que se coñeza cales foron os criterios definitivos á hora de adxudicar o proxecto.
A falta de planificación foi evidente desde o primeiro día cando o material informático se atrasou e aínda está a chegar aos centros. E máis, o atraso na posta en marcha do proxecto soamente é imputábel, neste momento á Consellaría, única responsábel do atraso na formación dos coordinadores e coordinadoras e do profesorado participante no proxecto, unha formación que segundo a planificación da Consellaría tería que terse realizado nos meses de maio e xuño. É absolutamente escandaloso que, neste momento, os coordinadores e coordinadoras do proxecto aínda non remataran a formación e que o profesorado que ten que participar nela e levar a cabo o proxecto non saiba aínda como se vai desenvolver, agás que será de 50 horas e que está previsto que se desenvolva entre os meses de novembro e maio, polo que xa podemos afirmar que este foi un curso perdido para a posta en marcha do proxecto, e en que outra vez o profesorado ten que sufrir a desidia e a desconsideración da Consellaría cos seus traballadores. A CIG-Ensino esixe que en ningún caso se pretenda recuperar o tempo perdido a custa do profesorado, sobrecargándoo coas horas de formación concentradas nun tempo mínimo ou que superen o xornada diaria establecida. A formación debe reunir a calidade necesaria e debe realizarse dentro do horario do profesorado.
A CIG-Ensino denuncia a mala xestión da Consellaría que pon en evidencia que o único que lles interesa é a propaganda, mais non mellorar a calidade do ensino e procurar o mellor desenvolvemento do mesmo, ocultando os problemas, que moitas veces eles mesmos xeran (suprimindo unidades e profesorado), con cortinas publicitarias que nin sequera se axuntan á realidade.