A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría segue a atacar o noso idioma e pide a retirada da orde de centros plurilingües

Implantación do terzo en Ingés

Educación acaba de convocar a Mesa Sectorial para este venres 18 co fin de tratar a orde coa que perpetrarán o seu verdadeiro obxectivo do Decreto 79/2010, reducir o máximo posíbel a presenza do noso idioma: orde de centros plurilingües.
Educación, desoíndo a recomendación do Consello Consultivo, inicia a implantación do terzo en inglés
 
A CIG-ENSINO DENUNCIA QUE A CONSELLARÍA SEGUE A ATACAR O NOSO IDIOMA COA MÁIS ABSOLUTA PREMEDITACIÓN E ESIXE A RETIRADA DA ORDE DOS CENTROS PLURILINGÜES
 
A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría de Educación segue a súa folla de ruta contra o galego sen reparar nin en gastos nin en consecuencias.
 
Educación acaba de convocar a Mesa Sectorial para este venres 18 co fin de tratar a orde coa que perpetrarán o seu verdadeiro obxectivo do Decreto 79/2010, reducir o máximo posíbel a presenza do noso idioma. Así o seu primeiro interese no desenvolvemento do Decreto 79 é, nin máis nin menos que a implantación do inglés. O Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, declara que “Sempre co obxectivo de reducir a presenza do noso idioma primeiro acordaron malgastar 6 millóns de euros en comprar libros en español porque non lles serven en galego e agora implantan o terzo en inglés, mentres non se ditan instrucións sobre a impartición en galego doutras materias diferentes das establecidas no Decreto e que terán que ser fixadas polos centros.”
 
Anxo Louzao engade: “Estamos diante dunha proposta realizada co único obxectivo de reducir a presenza da nosa lingua e que é unha auténtica falacia, pois é imposíbel acreditar en que a implantación dun terzo do horario en inglés vai supor máis destreza nesta lingua, cando non se adoptan medidas que son absolutamente necesarias para incentivar a aprendizaxe dun idioma, como a redución de alumnado por aula e a dotación de máis profesorado. Alguén pode pensar que con trinta ou máis alumnos e alumnas na aula é posíbel que todos e todas adquiran destrezas nunha lingua estranxeira? É imposíbel.”
 
Para a CIG-Ensino a única intención desta orde é reducir a presenza do noso idioma, verdadeiro obxectivo do Decreto 79 aprobado polo Consello da Xunta coa maior oposición que xerou nunca un decreto e con informe negativo do Consello consultivo, precisamente, entre outros motivos, por recoller esta medida da que di que “ese máximo dun terzo do horario podería resultar desproporcionado con relación ao horario que se dispensa ás dúas linguas oficiais… pode supor un sacrificio para a aprendizaxe tanto oral coma escrita das linguas oficiais, tendo en conta os mandatos e fins tanto do Estatuto de Autonomía de Galicia coma da Lei de normalización lingüística… e da Carta europea das linguas rexionais e minoritarias.”
 
Con esta orde pretenden liquidar a presenza do noso idioma e continuar na colonización e na marxinación do noso idioma propio, como demostra un dos obxectivos recollidos na orde e que non dimana de ningún tipo de marco legal: “Fomentar a pluralidade lingüística e cultural nos centros educativos para lograr a plena integración do alumnado nun contexto cultural e económico globalizado”, é dicir, máis marxinación para a nosa lingua que é a única asoballada e desprestixiada.
 
Esta norma establece unha barreira selectiva e segregadora para o alumnado, pois dá lugar á clasificación dos centros e do seu alumnado desde un punto de vista elitista e contrario á equidade e á igualdade. Créase ademais un círculo de preferencias, xa que o alumnado que curse os seus estudos nestes centros obterá un certificado que lle dará preferencia na participación en programas específicos e de formación lingüística da Consellaría en detrimento do alumnado que non tivo esa oportunidade.
 
Estamos ante unha auténtica aberración pedagóxica, nun contexto dun 30% de fracaso escolar, promóvese unha medida que aínda vai afondar máis neste fracaso e que, desde logo non é unha medida para palialo. Anxo Louzao declara: “Como fará unha nena ou un neno de seis anos que inicia a escolarización obrigatoria en primeiro de Primaria para aprender as matemáticas en inglés? Como é posíbel que esta nena ou este neno non poidan aprender as matemáticas en galego e si poidan facelo en inglés? E como pode ser posíbel que o alumnado de entre 3 e 6 anos teña que ter un terzo das súas actividades en inglés e que iso coincida, por exemplo, con que non teña ningún tipo de contacto coa súa lingua propia, o galego?”
 
A CIG valora que a orde presentada por Educación pretende ser un novo apoio á privada, permitíndolle en base a esta orde seleccionar o seu alumnado baixo “criterios plurilingües” aínda que logo as aulas non se impartan en lingua estranxeira, senón na lingua predominante segundo o ideario do centro, que será habitualmente o español. Favorécese outra vez á concertada que poderá lucir na súa denominación a de “Centro Plurilingüe” a xeito de medalla que lle dá un plus de calidade. Ábrese a posibilidade de que sexan entidades privadas as que fagan o seguimento e a avaliación destes centros. 
 
A CIG-Ensino considera que esta orde é un cúmulo de falacias e discriminacións. Por un lado resulta difícil pensar que co nivel B2 o profesorado estea en disposición de se desenvolver axeitadamente nunha lingua estranxeira como para dar unha materia ao longo do ano. A realidade é que finalmente as aulas se impartirán nunha das linguas oficiais dando algo de vocabulario da materia en inglés, co que, non será propiamente impartición en lingua estranxeira, e sumará máis horas contra o galego. É unha orde discriminatoria porque adopta medidas de adxudicación das prazas que van alterar a orde de adxudicación do Concurso de Traslados e da adxudicación provisional, pois, tal e como recolle a orde, esas prazas terán que ser cubertas con profesorado que teña a competencia lingüística correspondente.
 
A CIG-Ensino vai demandar a retirada desta orde porque considera que nin se axusta á legalidade, nin é beneficiosa para o ensino, pois é unha ferramenta destinada a crear centros de diferentes categorías e que vai ser usada contra o noso idioma. Se a Consellaría non retira esta orde, a CIG-Ensino estudará o emprendemento de accións legais. 

Por outro lado, a CIG considera que os centros deberán ter en conta o que verdadeiramente significa esta orde antes de acollerse a ela.
 
 
 
Compostela, 16 de xuño de 2010
Secretaría de Prensa da CIG-Ensino

Volver