
A CIG Ensino denuncia que a Consellaría de Educación reduce un 41% os fondos destinados á realización dos cursos CELGA
Un novo ataque ao noso idioma
A CIG Ensino denuncia un novo ataque ao noso idioma por parte da Consellaría de Educación. A convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios para as probas dos niveis Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4 redúcese drasticamente respecto da convocatoria do pasado ano.
Segundo a orde publicada no DOG do 9 deste mes o orzamento destinado á realización destes cursos preparatorios redúcese en máis do 41%. Na convocatoria de 2011 o orzamento destinado a esta actividade ascendía a 450.000 €, mais na convocatoria para 2012 o orzamento redúcese en 185.000 €. Como consecuencia reduciranse o número de cursos a realizar tanto pola Consellaría, como por outras entidades que desexasen acollerse a estas axudas. Na convocatoria do ano 2011 A Consellaría ofertaba 58 cursos de xestión directa repartidos entre as sete cidades (A Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo) e as localidades de Betanzos, Culleredo, Ribadeo, Monforte, Sarria, Vilalba, Viveiro, O Barco, Verín, Celanova e Ribadavia. Porén este ano soamente realiza unha convocatoria directa de 43 cursos (un 22,5% menos), sen realizar oferta ningunha fóra das sete cidades, polo que non queda garantido que haxa oferta fóra das sete cidades.
cursos ofertados pola Consellaría en 2012 |
Redución respecto de 2011 |
||||||
celga 1 |
celga 2 |
celga 3 |
celga 4 |
total |
|||
A Coruña |
2 |
3 |
6 |
7 |
18 |
-2 |
-10% |
Lugo |
0 |
1 |
1 |
2 |
4 |
-5 |
-56% |
Ourense |
2 |
2 |
1 |
2 |
7 |
-2 |
-22% |
Pontevedra |
2 |
4 |
5 |
5 |
16 |
-4 |
-20% |
Galiza |
6 |
10 |
13 |
16 |
45 |
-13 |
-22,50% |
Estamos pois, diante doutro ataque directo ao galego, xa que se lle nega a posibilidade de coñecelo e formarse nel a unha gran parte dos galegos e das galegas.
A CIG denuncia que a Xunta do PP está utilizando a súa falsa política de austeridade para ir reducindo as axudas e as iniciativas a prol do uso e o coñecemento do noso idioma nun momento no que todos os estudos científicos indican que o galego está reducindo o seu espazo lingüístico na sociedade. Ademais, con estas actuacións por parte da Consellaría de Educación e a Secretaría Xeral de Política Lingüística estase vulnerando o Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia o día 22 de setembro de 2004, e que contén, entre outras, varias medidas dirixidas aos adultos e á sociedade, encamiñadas a renovar a política lingüística con respecto ao uso do galego, adecuándoa aos tempos actuais, co fin de incrementar o uso do galego, o que exixe medidas favorables ao galego para alcanzar ese equilibrio. Da mesma maneira, vulnérase a Lei de normalización lingüística, onde se deixa claro que o dereito de coñecer e usar a lingua oficial de Galicia non estaría garantido se os cidadáns/ás non tivesen a posibilidade de aumentar (ou iniciar, se é o caso) o coñecemento e o dominio da lingua propia de Galiza.
A CIG Ensino vai reclamar na Mesa Sectorial á Consellaría de Educación que non se reduza e si se amplíe a oferta de cursos de lingua galega e se distribúan de forma equitativa por todo o país.