A CIG-Ensino denuncia que a consellaría de educación pretende suprimir para o vindeiro curso 31 ciclos formativos no ensino público

Ciclos de Formación Profesional

A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría de Educación vulnera máis unha vez os canles de negociación, levando ao consello de Formación Profesional a oferta de FP para o vindeiro curso sen previa negociación na Mesa sectorial. O director Xeral de Educación, FP e Innovación educativa, Mira Lema, continúa a súa cruzada de autoritarismo e prepotencia, que se suma a unha sucesión de actuacións ilegais como determinaron diferentes veces os tribunais, e desprezando ás organizacións sindicais, lexítimos representantes do profesorado.

Segundo o proxecto de Orde presentado no Consello de FP teñen previsto suprimir numerosos ciclos formativos. (Ver anexo achegado).

Estas supresións no Ensino Público contrastan cos concertos educativos na Formación Profesional que a Consellaría agasalla todos os anos, uns 13.177.000 € do erario público, aos centros privados concertados.

A Consellaría de Educación aplicou xa o curso pasado, sen negociala previamente, a modificación das rateos mínimas para manter a oferta e para a apertura de ciclos nos centros educativos, incrementando de 8 a 12 nas cidades e de 6 a 8 nas vilas a rateo mínima de alumnos e alumnas necesarios para a existencia dos ciclos, o que comportou o peche de ciclos.

Unha vez máis, a Consellaría restrinxe a posibilidade de ampliar a oferta de FP a máis dun grupo por centro e localidade, o que comporta que no ensino público non se poida ofertar máis de 22 ou 30 prazas dun ciclo formativo por localidade, independentemente da demanda que exista. Por exemplo nas sete cidades, agás casos moi excepcionais, non poden ofertarse máis desas 22 ou 30 prazas por ciclo.

Son numerosas as demandas e solicitudes de ampliación da oferta de FP e miles de alumnos e alumnas que quedan sen a oportunidade de acceder a esta formación, mais a Consellaría dedícase a vender que se amplían prazas, mentres se suprimen ciclos e se negan as demandas dos centros e do alumnado. As supresións de ciclos provocan que o alumnado ao verse desprazado da súa zona educativa e ao non ter prazas suficientes do ciclo elixido, acabe por renunciar a estes estudos.

Esta redución significa unha nova supresión de postos de ensino público e de profesorado que se suma á de 198 postos, provocada creación de sete CIFPs e a supresión de 73 unidades de ESO e BAC.

Precisamente nun momento de crise económica a Consellaría pretende desmantelar o sistema público, cando o necesario é ampliar o ensino da FP.

A CIG-Ensino esixe que se modifique a orde, que se facilite que todos os centros poidan impartir os ciclos que demandan, que se reduza a rateos, que se poidan levar a cabo os desdobres para mellorar a calidade educativa, que se poida oferta máis dun grupo dun mesmo ciclo por localidade ou centro e que se garantan prazas suficientes para atender a demanda e que se prescinda de concertar este nivel de ensinanzas.

Volver