A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría de Educación pretende eliminar máis da metade das modalidades de formación do profesorado

Outra agresión máis da Consellaría ao profesorado e á calidade do ensino

Hoxe día 1 de abril reuniuse a mesa sectorial de ensino non universitario. Entre outros puntos da orde do día tratouse a oferta de licenzas por estudos para o vindeiro curso. A proposta da Consellaría de Educación supón a eliminación das modalidades relacionadas coa actualización académica e pedagóxica do profesorado o que pode ter incidencia na calidade do ensino. A Consellaría suprime as catro modalidades de duración anual (teses, primeira licenciatura, primeira diplomatura e segunda licenciatura) e reduce as cuadrimestrais a trimestrais, co que a oferta, aparentemente maior polo número de prazas ofertadas, é realmente unha redución do 27% respecto aos anos anteriores, pois reduce drasticamente a duración das licenzas. Esta proposta supón liquidar o espírito da formación do profesorado, ao tempo que introduce unha maior discrecionalidade na concesión, facilitando actuacións non obxectivas. E limítase exclusivamente á elaboración de materias dixitais e aprendizaxe de inglés para non especialistas.

Por que esta proposta empeora gravemente a oferta de anos anteriores?

·Porque reduce nun 27% as licenzas por estudos (ver cadro adxunto). Aínda que pareza que se incrementa o número de prazas, realmente redúcese a oferta á metade porque:

    • Liquida todas as licencias de duración anual, catro modalidades, que viñan sendo un total de 58 prazas (Teses, licenciaturas e diplomaturas).
    • Porque todas as licencias cuadrimestrais se reducen a trimestrais ou bimensuais.

·Porque exclúen á grande maioría do profesorado.

    • Da modalidade de formación en linguas estranxeiras. Están excluídos todos e todas os/as especialistas en linguas (galego, castelán, inglés, francés, portugués, alemán,...) e tamén todo o profesorado que non teña o nivel B1.
    • As dúas modalidades de elaboración de materiais dixitais están dirixidas exclusivamente a materiais para terceiro ciclo de Primaria e primeiro da ESO, o que en principio supón que van dirixidas ao profesorado que imparte nestes ciclos e nestas etapas, quedando á marxe Educación Infantil, Formación Profesional, Bacharelato, ensinanzas especiais superiores e de idiomas, para as que a Consellaría considera que non é precisa a actualización.

·Porque limita a elaboración de materiais só ao campo dixital.

·Porque liquida a investigación e a innovación ligada aos currículos educativos, ao eliminar todas as licenzas destinadas á elaboración de teses -considérese que até agora valorábase nelas “a súa relación co currículo das áreas ou materias de todas as etapas educativas e o interese que ofreza para mellorar a calidade do ensino”-, imposibilitando que o profesorado non universitario faga investigación, e suprime todas as relacionadas coa obtención dunha primeira ou segunda titulación.

·Non se recolle a realización de proxectos para a galeguización dos currículos, nin para a elaboración de materiais en galego para FP ou as ensinanzas artísticas, unha necesidade que non pode negar nin a propia Administración.

·Impídelle ao profesorado que non ten a titulación requirida para o seu posto, por mor dos cambios lexislativos que agora esixen unha nova titulación, que acceda a unha licenza para obter unha diplomatura ou licenciatura para estabilizarse no seu posto de traballo.

·Favorece a discrecionalidade na concesión das licenzas, pois o peso da valoración do proxecto pasa a ser do 50% e noutras o 100%, cando até agora era do 30%. Redúcese así o peso da puntuación obxectiva e vai ser a decisión tomada pola comisión integrada pola propia Consellaría a que, na práctica, ditamine que goza da licenza por estudos.

A proposta da Consellaría é un novo desprezo ao profesorado, pois non se basea nas súas necesidades de formación ou na idoneidade de que se actualice didáctica, académica e pedagoxicamente, coa repercusión positiva que isto ten para a calidade do ensino, senón que está pensada para acadar os seus obxectivos propagandísticos e ideolóxicos: o plan Abalar (modalidades 1 e 2, materiais dixitais para os ciclos en que está implantado o proxecto) e incremento dos centros plurilingües (modalidade 3 para o profesorado de materias diferentes ás linguas que estará obrigado a promover que o seu centro siga sendo ou se converta en centro plurilingüe). É unha mostra máis de que esta Consellaría utiliza os recursos públicos ao servizo dunha ideoloxía reaccionaria, reducionista e antigalega.

A CIG-Ensino esixiu na Mesa Sectorial o mantemento das licenzas e o mantemento de todas as modalidades de estudos, como mínimo as mesmas modalidades e número que as ofertadas no curso 2010-2011 (ver cadro páxina seguinte) porque é un dereito do profesorado mellorar a súa formación a nivel académico e porque esta mellora incide directamente no alumnado e na calidade do ensino público. Tamén esiximos a modificación da puntuación outorgada ao proxecto para garantir que todo o profesorado sexa valorado o máis obxectivamente posíbel para acceder a unha licenza por estudos. E que a comisión de valoración do proxecto sexa unha comisión que teña coñecemento técnico na área sobre a que fai referencia o proxecto.

A administración, despois da nosa insistencia, e vendo que supoñían un recorte sobre as do ano pasado, comprometeuse a revisalas e a ofertar o mesma carga de meses que o ano pasado. Así mesmo estudarán as nosas propostas para as licenzas de licenciatura e as licenzas sen retribuir.

A CIG Ensino continuará coa campaña de recollida de sinaturas en contra desta pretensión da Consellaría, para conseguir recuperar as licenzas por estudo tal e como as víñamos gozando até o de agora.

Modalidades

2010

2011

Diferenza en meses

 
 

1. Teses de doutoramento

13

-130

 

2. Primeira licenciatura, enxeñería, arquitectura ou estudos equivalentes

30

-300

 

3. Primeira diplomatura, enxeñería técnica, arquitectura técnica ou estudos equivalentes

5

-50

 

4. Segunda licenciatura, enxeñería, arquitectura ou estudos equivalentes

11


-110

 

5. Proxectos

111 (444 meses)

160 (480 meses )

36

 

6. Grupos de traballo para elaboración de materiais curriculares

6 (24 meses) 

30 (90 meses)

66

 

7. Perfeccionamento en linguas estranxeiras no exterior

20 (60 meses)

115 (230 meses)

190

 

Totais

196

305

-298

 

Na seguinte ligazón tes toda a información sobre a citada mesa.

A CIG-Ensino inicia unha campaña de recollida de sinaturas contra a drástica redución das licenzas por estudos e a supresión de todas as de duración anual:

Ligazón para asinar na web

Ligazón para descargar o prego de sinatura.

Volver