
A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría de Educación non realiza a substitución de 58 docentes
Destas 58 prazas, 19 poden non cubrirse, ao restar menos de 15 días para a súa finalización
A CIG-Ensino denuncia que acaba de comprobar, unha vez máis, que hoxe, día 2 de febreiro de 2011, ás 12:00 da mañá, a Consellaría de Educación ten na súa web 58 baixas do profesorado sen cubrir e 11 baixas máis que se van producir nos próximos días e xa foron comunicadas. Das 58 baixas que se produciron até hoxe, 13 son anteriores a esta semana e 20 son do luns. Os casos máis graves son unha vacante de violoncello sen cubrir desde o día 12 de xaneiro (xa pasaron 20 días), outra de piano desde o día 17 de xaneiro (máis de 15 días xa), unha de organización de proxectos de fabricación mecánica (máis de dez días), unha de inglés e outra de galego desde o día 27, etc. (Achegamos o cadro ao final da nota). A todo isto sumámoslle os datos da propia Consellaría que, segundo denuncian desde varios centros, non recolle baixas comunicadas en tempo e forma e son retiradas da web sen seren cubertas.
As prazas sen cubrir son 43 de Secundaria, 5 de Infantil e Primaria, 4 de conservatorio e 2 de EEOOII. Tendo en conta o procedemento que segue hoxe a Consellaría, cubrir as vacantes para as que quedan 15 días no momento do chamamento, 19 das baixas que están sen cubrir xa non van recibir un profesor ou profesora substituto, pois todas elas rematan antes de quince días. Das 11 previstas para os próximos días e xa comunicadas, 3 quedarán sen cubrir por ser de menos de 15 días.
Agás en violoncello, en todas as especialidades hai profesorado parado dispoñíbel para realizar as substitucións.
A Consellaría segue a táctica de non cubrir as baixas cando se producen, deixando que o tempo xogue ao seu favor. Teñen determinado non realizar chamamentos todos os días e cando os realizan, soamente dous días á semana, non cobren aquelas que nese momento sexan inferiores a 15 días, por máis que superasen eses 15 días cando foron comunicadas. Deste xeito, con este procedemento, están deixando de cubrir varias baixas, baixas que logo son borradas da web coma se nunca tivesen existido.
Unha vez máis, comprobamos que a Consellaría se guía por criterios economicistas e deixa sen atender un número importante de alumnos e alumnas, o que repercute na organización interna dos centros. A CIG-Ensino, na mesa sectorial de mañá día 3, vai esixir unha explicación e a inmediata cobertura de todas as baixas.
Cadro das baixas sen cubrir por especialidade:
Especialidade |
Baixas sen cubrir |
590001 - Filosofía |
1 |
590004 - Lingua castelá e literatura |
1 |
590005 - Xeografía e historia |
4 |
590006 - Matemáticas |
4 |
590008 - Bioloxía e xeoloxía |
3 |
590009 - Debuxo |
4 |
590010 - Francés |
8 |
590011 - Inglés |
5 |
590016 - Música |
1 |
590019 - Tecnoloxía |
2 |
590053 - Lingua e literatura galega |
4 |
590103 - Asesoría e procesos de imaxe persoal |
1 |
590106 - Hostalaría e turismo |
1 |
590107 - Informática |
1 |
590112 - Organización e proxectos de fabricación mecánica |
3 |
590118 - Procesos sanitarios |
1 |
590119 - Procesos e medios de comunicación |
1 |
591202 - Equipos electrónicos |
1 |
591216 - Operacións de produción agraria |
1 |
591222 - Procesos de xestión administrativa |
1 |
591228 - Soldadura |
1 |
594417 - Instrumentos de corda pulsada do renacemento e do barroco |
1 |
594423 - Piano |
2 |
594434 - Violoncello |
1 |
597031 - Educación infantil |
1 |
597038 - Primaria |
4 |