A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría de Educación non garante un sistema de acceso equitativo

Non procura que os tribunais de oposición actúen baixo os mesmos criterios

Nestes días numeroso profesorado de diferentes especialidades está denunciando a falta de equidade na convocatoria deste ano. A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría de Educación non garantiu un sistema de acceso equitativo, pois o que se puido constatar é que os tribunais de oposición actuaron con diferentes criterios á hora de adxudicar notas e prazas. Isto xa provocou que numeroso profesorado de diferentes especialidades estea denunciando a falta de equidade nesta convocatoria.

A CIG-Ensino recibiu as seguintes denuncias do profesorado:

- Falta de obxectividade na valoración das probas, até o extremo de rebaixar a 0 as notas daquelas persoas que non poden acadar o 5. Isto sucedeu en varias materias, sendo o exemplo máis rechamante o de Intervención Sociocomunitaria, en que o profesorado denuncia que o 47% dos opositores obtiveron menos dun 1, unha cualificación que, se en moitos casos non é obxectiva, resulta ademais pouco digna para o profesorado participante que ten dereito a que a súa proba se valore coa cualificación que lle corresponda.

- Diferenza de criterios de avaliación entre os tribunais que xulgan a mesma materia, en varias especialidades.

- Non cobertura de todas as prazas ofertadas: por exemplo Mantemento de Vehículos en que máis da cuarta parte das prazas non se cobren (7 prazas en total).

A CIG-Ensino vén esixindo que se garanta a obxectividade e a transparencia no proceso. De acordo con isto cómpre que a Consellaría faga un esforzo por eliminar a carga subxectiva que teñen algunhas probas, sobre todo ás materias de ámbito mais “social”. Isto só se pode facer se se fan públicos os criterios de avaliación en cada parte das probas. Esta medida daría equidade ao proceso e permitiría ao profesorado comprobar que sucedeu coa súa proba e se ten motivos de reclamación.

A CIG-Ensino xa reclamou na Mesa Sectorial, realizada en xaneiro deste ano, que a Consellaría velase pola obxectividade e a transparencia do proceso e por iso propuxo que:

· Os membros dos tribunais deben ser todos a sorteo, incluídos os presidentes ou presidentas, pois xa se comprobou na convocatoria de 2015 que o feito de seren nomeados/as pola Administración non evitou determinados problemas.

· Os tribunais deben fixar claramente os criterios de avaliación, para que os opositores e opositoras saiban a que acollerse, e deben dar  instrucións claras.  Estes criterios deben ser homoxéneos entre todos os tribunais.

· Os tribunais teñen que ter claro que deben recibir todas as reclamacións das persoas opositoras e contestalas con dilixencia, o que non sucedeu en todas as materias nesta convocatoria.

· A lectura pública de cada exercicio debe ser  un criterio xeral e non se quedar a criterio das persoas opositoras.

· A proba debería ser a mesma para todos os tribunais, tal e como demanda o profesorado, evitando agravios comparativos, por máis que non teñan consecuencias ao estar repartidas as prazas entre os tribunais.

· A valoración do concurso de méritos debe ser realizada pola propia Administración e, de non ser así, debe realizarse despois da segunda proba. Por tanto a presentación dos méritos debe facerse unha vez superadas as dúas probas. Este mecanismo axudaría á obxectividade da valoración das probas. Para a CIG-Ensino que defende o acceso diferenciado, é fundamental que as cualificacións das probas se realicen sen ter en conta a puntuación que no concurso de méritos teñen as e os opositores.

Volver