A CIG Ensino denuncia que a Consellaría de Educación mantén os concertos aos centros que segregan por sexo

Malia ter sentenzas en contra destes concertos

O 14 de agosto, a Consellaría publicou  no DOG a ORDE do 9 de agosto de 2013 pola que se aproba os concertos educativos cos centros docentes privados que terán unha vixencia de catro anos, até o curso 2016-2017.

A CIG-Ensino denuncia que o goberno da Xunta segue adiante coa súa política de favorecemento aos centros que segregan o alumnado por sexo, pois malia as sentenzas en contra, mantén os concertos aos cinco centros que realizan esta práctica.

Educación practica un recorte sistemático, inxustificado e inaceptábel no ensino público, suprimindo centros, unidades e profesorado, mais mantén os concertos aos centros privados, entre eles aos 5 centros que segregan o alumnado por sexo, o que foi declarado ilegal polo Tribunal Supremo, e se converte así na demostración de que este goberno do PP está disposto a favorecer a determinado tipo de centros, publicamente vinculados co Opus Dei.

Por outro lado, como en anos anteriores, a Consellaría publica esta orde en pleno mes de agosto, no inicio dunha ponte, coa intención de que pase desapercibida ao conxunto da sociedade.

Centros que segregan o alumnado por sexo e número de unidades que se lles concertan:

Unidades de Primaria

Unidades de ESO

Unidades de FP

Total unidades

CPR Aloia, Vigo

3

9

12

CPR Las Acacias, Vigo

5

4

9

CPR Montecastelo, Vigo

5

4

9

CPR Montespiño, Culleredo

5

4

9

CPR Peñarredonda, A Coruña

5

4

9

Total

20

19

9

48

Nesta orde comprobamos ademais o que a CIG-Ensino denunciou o pasado mes de xullo: o ciclo superior de Integración social que lle foi negado a varios centros públicos que o solicitaran na provincia de Pontevedra, con profesorado e instalacións suficientes nalgún caso, si vai ser impartido por dous centros privados de Vigo, sendo un deles o CPR Aloya, un centro vinculado ao Opus Dei que, xunto cos outros catro, goza dos favores da actual Consellaría de Educación pois autorízalles os concertos, a pesar de segregar o alumnado por sexo. Este centro non contaba con este ciclo, mais si o vai ter o curso que vén, polo que comprobamos que a Consellaría recorta na pública para darlle cartos de todas e todos alegremente á privada, pois, insistimos, algún dos centros que solicitaba este ciclo tiña instalacións e profesorado, o que significaba implantar o ciclo a custe cero

A CIG-Ensino considera totalmente inaceptábel e un insulto á sociedade galega esta privatización do ensino e denuncia a intención permanente desta Consellaría de favorecer as patronais do ensino privado. 

Volver