A CIG-ENSINO denuncia que a Consellaría de Educación insiste en prácticas antidemocrática para promover un proxecto de Lei reaccionario

A verdadeira razón que move á elaboración deste anteproxecto de Lei non é outro que crear as ferramentas para seguir reducindo a presenza do noso idioma nas aulas

A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría de Educación recorre de novo ao escurantismo para levar adiante o seu proxecto reaccionario contra a Educación. Como sucedera no seu día coa presentación das Bases para o Decreto de Plurilingüismo, a Consellaría volve de novo a presentar en datas non lectivas un documento que afectará ao desenvolvemento do labor docente dos profesionais do Ensino.

Aínda máis, a Consellaría ousa facer propaganda cun anteproxecto do que non recibiron ningún tipo de información os lexítimos representantes do profesorado, pois a día de hoxe e malia ter reclamado información sobre o tema na derradeira Mesa Sectorial do ano 2010, a CIG-Ensino, sindicato maioritario, non ten ningún tipo de información.

Estas prácticas antidemocráticas da Consellaría son tamén a evidencia da mala conciencia coa que actúan, pois saben que pretenden levar adiante un anteproxecto que será amplamente rexeitado e que ten unha intencionalidade que nada ten que ver coa pretendida dignificación do profesorado ou eliminación da conflitividade escolar, tal e como pretenden vender abusando, unha vez máis, dos medios de comunicación aos que empregan como escaparate da súa política propagandística.

A CIG-Ensino lémbralle ao Conselleiro de Educación que os problemas do Ensino non se resolven cunha propaganda falaz que está moi lonxe da actuación real desta Consellaría. A presunción de veracidade ou o recoñecemento da autoridade do profesorado de que falan non son os que empregan ao prohibir por Decreto dar aulas en galego en determinadas materias, impoñer unha circular non negociada nas Escolas Oficias de Idiomas, impedir o uso dos comedores escolares pagando o xantar ou tentar obrigar a realizar a vixilancia na chegada do transporte por riba da xornada de traballo establecida. Tampouco son as que presiden as relacións cos centros escolares aos que lle negan sistematicamente as peticións de profesorado e outras dotacións para facer fronte ás necesidades de cada centro, elementos que verdadeiramente redundarían no recoñecemento da función docente do profesorado. Non é o recoñecemento da autoridade do profesorado o seu obxectivo

Este anteproxecto é un engano á sociedade, pois o Conselleiro oculta a verdadeira razón e non ten reparos en adiantar cuestións que poden supor un aumento de gasto para as familias, precisamente nun contexto de crise económica como o actual.

O verdadeiro obxectivo: a consulta aos pais.

Cando en maio de 2010 se fixo público o informe desfavorábel do Consello Consultivo por mor, entre outras cuestións, da consulta aos pais para a determinación da lingua predominante nas aulas, as declaracións do Presidente da Xunta encaixando a crítica daban a entender que estudarían a fórmula para “facer legal” esta consulta. Como se di popularmente: “quen fai a lei, fai a trampa” e efectivamente a Consellaría Popular de Educación inicia o ano 2011 coa presentación deste anteproxecto que ten como obxectivo real regular esa pregunta ás familias para a determinación da lingua a empregar nas aulas.

Unha vez máis este goberno actúa en función dos intereses dunha minoría reaccionaria coa que comprometeu no seu día esta consulta aos pais durante a campaña electoral. Non é o principio de autoridade nin o de veracidade o que lle preocupa, nin é a redución da conflitividade nas aulas o que a move. Lanzando aos medios un debate inexistente sobre o uso do uniforme nos centros públicos, onde o máis cuestionábel sería o incremento de gasto, crea unha cortina de fume para ocultar a intencionalidade real: atacar a lingua.

A CIG-Ensino esixirá de Educación que lle entregue este anteproxecto e que abra os canles de debate preceptivos e necesarios para que o profesorado coñeza o texto e realice as achegas que sexan necesarias a fin de corrixir as derivas reaccionarias que previsibelmente contén este proxecto que, a bo seguro, está case copiado de lexislacións foráneas de marcado carácter conservador

Volver