A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría de Educación incrementa os fondos públicos destinados á privada

Retallamentos no ensino público e apoio ao privado

O pasado venres 19 de agosto a Consellaría publicou  no DOG os concertos educativos con centros privados que terán vixencia até o curso 2012-2013. A CIG-Ensino denuncia que, mentres Educación practica un recorte sistemático, inxustificado e inaceptábel nas dotacións dos centros públicos, non só mantén, senón que mesmo incrementa o número de unidades concertadas con centros privados, incrementando así os fondos públicos para financiar empresas privadas, centros educativos que, en contra do que recolle a lexislación, non sempre aceptan alumnado con necesidades educativas ou procedentes da inmigración.

A Consellaría vén recorrendo ao mes de agosto, ademais neste caso coincidindo coa fin de semana, para facer o preceptivo anuncio público no DOG destes concertos, co obxecto de que pasen desapercibidos ao conxunto da sociedade.

Mentres no ensino público se pecharon definitivamente 14 escolas unitarias, ademais doutras 77 unidades en todo o país, Educación incrementa 9 novas unidades concertadas con outros tantos centros privados, delas 6 de Educación Infantil, dúas de Primaria e un Programa de Cualificación Profesional.

Respecto do ensino non obrigatorio, mentres se reducen ciclos formativos no ensino público e se impide que haxa máis dunha unidade por curso, mantense o mesmo número de ciclos formativos na privada, incluídos aqueles centros como o Montecastelo ou o Aloya de Vigo que segregan o alumnado en función do xénero.

Todo isto coincide co peche de unidades escolares públicas pretextando diminución de matrícula, o que xa denunciamos como claramente falso, pois a Consellaría está obrigando a realizar agrupamentos cun número moi elevado de alumnos por aula, independentemente de que teñan a mesma idade ou non, sexan ou non do mesmo ciclo, ou das necesidades educativas que non se están considerando.

A realidade é que en moitos dos concellos en que se incrementan as unidades concertadas no ensino privado Educación non atendeu as demandas reiteradas nos anos anteriores de ampliación de unidades do ensino público, de xeito intencionado, para que, chegado o momento, ao non ser suficientes as prazas públicas, a mesma comisión de escolarización enviase a centros privados alumnos e alumnas que solicitaran praza en centros públicos, feitos que xa foron denunciados pola CIG-Ensino.

A CIG-Ensino considera inaceptábel esta nova privatización do ensino e denuncia a intencionalidade desta Consellaría en desprestixiar o ensino público e favorecer o privado. Ao mesmo tempo esixirá que a Consellaría comprobe que as empresas favorecidas cumpren os convenios laborais e a lexislación educativa.

Volver